Desaloxado un veciño de Ribadeo tras prender unha candea nun mantel da súa vivenda

O home abandonou o piso xunto ao seu gato por orde da Policía Local e os bombeiros de Barreiros ventilaron a vivenda
incendio avda Asturias Ribadeo
photo_camera Os bombeiros de Barreiros fronte ao edificio onde se produciu o lume, en Ribadeo. EP

A Policía Local de Ribadeo ordenou na tarde deste xoves o desaloxo dunha vivenda na que se orixinou un pequeno incendio ao prender unha candea nun mantel. O home que reside no inmoble, de 68 anos, saíu polo seu propio pé xunto ao seu gato, non requiriu asistencia médica aínda que tragou algo de fume os minutos que estivo dentro do domicilio.

O afectado é un home que vive só nun cuarto piso do número 19 da avenida de Asturias da localidade ribadense, e levou un susto a causa do lume. Os servizos de urxencias atoparon o home sen luz, coa porta aberta e o piso sen ventilar, do que se encargaron os bombeiros desprazados desde o parque comarcal de Barreiros. 

O fume afectou sobre todo á sala de lectura en que se atopaba o home e a un par de dependencias máis do piso. Un veciño outro edificio situado enfronte viu o fume e alertou a Policía Local e a central de urxencias do 112 en Galicia. Afortunadamente a incidencia saldouse sen danos de maior consideración.