A Deputación de Lugo investirá case 600.000 euros no polígono da Fonsagrada

A creación do parque empresarial é unha demanda dos veciños e empresarios da zona
photo_camera Encontro da sinatura do protocolo entre o Concello e a Deputación.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou onte xunto co alcalde da Fonsagrada, Carlos López, o protocolo de creación dun parque empresarial neste concello da Montaña. Mentres que o ente provincial aportará 590.000 euros para levar a cabo este proxecto, o Concello investirá 147.000, o que fai que a cifra final para este plan ascenda aos 737.000 euros.

A sinatura do protocolo tivo lugar no salón de plenos do concello fonsagradino, e nela estiveron presentes, xunto con Tomé e López, a deputada de réxime interior, promoción do territorio e turismo, Pilar García Porto, o deputado de promoción económica e social, Pablo Rivera Capón, e o tenente de alcalde fonsagradino, José Ángel Fernández Carrín.

Este proxecto contempla o acondicionamento de 15 parcelas nesta área empresarial, que se situará en montes de Padrón, despois de pechar un acordo cos actuais propietarios. Dá resposta á demanda de moitos veciños e empresarios non só da vila senón tamén da comarca. Durante a anterior visita do mandatario provincial á vila, en xaneiro con motivo da xornada de portas abertas do Residencial Rois, o alcalde xa manifestou a necesidade de instalar un polígono na Fonsagrada. Esta idea, que se viu en parte ralentizada pola aplicación do estado de alarma, agora se materializa no protocolo asinado coa Deputación.

A creación dun parque empresarial na capital da comarca marcará, en palabras de Tomé, "un antes e un despois" no desenvolvemento tanto da Fonsagrada como dos concellos limítrofes. O obxectivo final deste plan é consolidar a localidade como "polo de desenvolvemento económico, laboral e social" da zona, representando "o modelo de crecemento do territorio polo que deben apostar as administracións públicas".

Desde a Deputación esperan que este plan se materialice ao longo do mandato de Tomé; non obstante, a sinatura do convenio en base ao cal se desenvolverá esta iniciativa producirase este ano.

O ente provincial pretende que todos os municipios da provincia, pero en concreto aqueles que actúan como capitais comarcais, sexan puntos de referencia a nivel laboral, económico, social, "xerando un efecto multiplicador na zona". Tomé fixo fincapé no apoio da Deputación cos concellos, en concreto cos máis pequenos, "para dinamizar o tecido económico e produtivo" da zona.

O obxectivo final é darlle uso a todo o solo industrial desocupado en Galicia, e así frear a marcha de empresas galegas ao estranxeiro. Segundo o presidente provincial, os polígonos deben ser "unha ferramenta de precisión", que a pesar de que poida ter elementos comúns con outros proxectos semellantes, como "as boas comunicacións ou o prezo do metro cadrado", deben estar deseñados en función das necesidades de cada concello, empresa ou comarca.

COMPROMISO DO GOBERNO. O alcalde da Fonsagrada, o socialista Carlos López, amosou a súa satifacción pola aposta da Deputación por este proxecto "que levabamos no noso programa electoral e que imos camiño de ver cumprido", comentou. "É unha demanda de hai máis de vinte anos que vai ser moi importante para dar apoio aos empresarios do municipio e fixar poboación", engadiu.