Denuncian un novo ataque do lobo en Xove "a trinta metros das casas"

"Eu xa non saio nin andar", di Esperanza Núñez, que lamenta a perda dunha egua adulta que tiña nunha leira no lugar de Ancil
CABALLO COMIDO POR EL LOBO EN MORÀS (XOVE)
photo_camera El marido de Esperanza, junto al animal muerto. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Os ataques do lobo repítense na comarca mariñá na contorna de zonas habitadas e o último en transcender sucedeu "a trinta metros da primeira casa" no lugar de Ancil, na parroquia xovense de Lago. Alí nunha leira tiña Esperanza Núñez dúas bestas e a madrugada do domingo perdeu a unha delas, que apareceu pola mañá completamente comida.

"Non puido ser un lobo só, porque imposible comer todo iso dunha sentada", di a dona dos animais en relación a esta egua adulta nada hai seis anos e cuxo valor sitúa en sobre "1.500 euros". As dúas bestas estaban atadas na leira cunha corda longa e os seus propietarios acudían diariamente a velas: "Ou sábado pola tardiña estaban ben e hoxe (por este domingo) pola mañá cando foi ou meu home xa estaba liquidada", lamenta. A outra equina que estaba na mesma leira librouse do ataque, pero Esperanza Núñez apunta que "estaba moi asustada".

A muller lamenta que o lobo "cada vez achégase máis" ás casas e incluso pensou en avisar aos veciños que viven máis preto de onde se produciu o ataque, pois "ata vive alí unha nena pequeniña", para que tomen precaucións se así o consideran. "Eu xa non saio nin andar porque teño moito medo", afirma.

Esta gandeira perdeu recentemente sete ovellas

Asegura que os ataques aos animais —a súa familia ten unha explotación de vacas e de cabalos, ademais dunha empresa de compravenda de gando— repítense na zona cada vez con máis frecuencia, e eles mesmos sufríronos recentemente. "A última vez matáranos sete ovellas que estaban nunha leira toda pechada de bloque e cun cacho de malla aínda por enriba, e saltárona igual", conta, e apunta que noutra leira que teñen nunha zona máis alta tamén tiveron ataques "a bastantes poldros e a algún becerro recén nado tamén".

Engade que outros residentes na mesma parroquia tiveron pérdidas de ovellas, un carneiro ou unha cabra preto das vivendas. "Vos lobos van acabando as ovellas xa tíranse ao gando grande e cando acaben co esperemos que non tírense a unha persoa", di esta veciña.

Comentarios