Denuncian a morte "a paus" dunha gaivota en Mondoñedo: "Vouna anestesiar"

O denunciante identifica ao agresor como un empregado do Concello

Gaviota muerta en Mondoñedo. EP
photo_camera Gaivota morta en Mondoñedo. EP

A Asociación Animalista Libera denunciou "a morte violenta dunha gaivota no termo municipal de Mondoñedo", que se produciu o pasado martes -día 23-, por mor dos "paus" supostamente propinados por un "empregado do propio Concello".

Os activistas pediron unha investigación e "a preceptiva depuración de responsabilidades".

Segundo explica este colectivo, un particular deu aviso ao Concello da presenza dunha gaivota ferida e desde a autoridade municipal asegurouse que o animal ía ser trasladado ao Centro de Recuperación de Fauna, situado no Veral.

Nun comunicado, Libera indica que "pouco despois apareceu un individuo, que o denunciante identifica como empregado do Concello de Mondoñedo, cun pau na man" e dixo "vouna anestesiar".

"O final é un forte golpe na cabeza do animal", lamentan os animalistas. Libera mostrou a súa profunda indignación e pediulle tanto ao goberno local como á Xunta de Galicia que investigue estes feitos, dado que este acto podería ser considerado como un delito de malos tratos animais, con penas de prisión asociadas de ata un ano. 

O Concello de Mondoñedo asegurou este xoves que xa abriu expediente sobre o caso e remitiu ao xulgado. A alcadesa, Elena Candia, di que se actuará "con total contundencia".

Máis en A Mariña