O delegado do Goberno afirma que a Sepi "non queda á marxe" da venda de Alcoa

Asegura que a sociedade estatal acompañará no proceso e que a ministra de Industria reunirase cos traballadores
El delegado del Gobierno en Galicia, José Miñones. EFE
photo_camera O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones. EFE

Tras transcender que a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (Sepi) non comprará a fábrica de Aluminio de Alcoa en San Cibrao o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, precisou que esta sociedade "non queda á marxe", senón que acompañará no proceso para que chegue a bo porto.  "A Sepi está máis implicada que nunca, pero o que non pode facer a Sepi é ser o refuxio dunha empresa que está a xogar co emprego de moitas familias e que quere aproveitarse da boa vontade e do esforzo que estamos a ter todas as administracións", dixo o representante do Goberno tras unha visita a Viveiro na mañá deste venres, onde engadiu que "a Sepi vai estar aí para axudar, para colaborar, para acompañar, para mediar, pero está claro que hai empresas que están interesadas na compra e polo tanto Alcoa o que ten que facer é, ou ben seguir cun proxecto industrial que sexa solvente, ou ben vender e irse e non enredar máis".

Sobre a petición que lanzou o comité de empresa de San Cibrao para que se celebrase con urxencia a reunión coa ministra de Industria que solicitaran hai dúas semanas, José Miñones avanzou que realizaron xestións e "a ministra aceptará esa reunión porque sempre está á beira dos traballadores e sempre atendeu ao colectivo. Polo tanto podo asegurar que imos ter esa reunión que están a pedir", dixo.

Comentarios