Catro décadas nos xulgados para evitar que derruben a súa casa en Area

Tomás Cociña pelexa para que cambien o deslinde que afecta a unha parte da vivenda
2020080712514249534
photo_camera Casa de Tomás Cociña na praia de Area, en Viveiro. JM PALEO

Tomás Cociña Ben ten 72 anos. Leva media vida litigando, xunto á súa familia, por unha casa que adquiriu na praia de Area, en Viveiro, e que corre perigo de que lla derruben. O último desafío xudicial foi negativo para os seus intereses. A sección 1 da Audiencia Nacional de Madrid desestimou o recurso que presentou o mariñán fronte a unha resolución do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente do 2 de outubro de 2017 onde acordaron non proceder á declaración de innecesariedad para a protección e utilización do dominio público marítimo terrestre da súa parcela.

Os feitos remóntanse a principios dos anos 80, cando este xovense comprou a vivenda no areal de Area xunto á súa muller. Unha vivenda que xa sufrira varias transmisións patrimoniais e cuxo solar pertenceu, no seu momento, ao Concello de Viveiro. O primeiro problema xudicial chegou no ano 1986, cando se lles notificou que a vivenda incumpría a Lei de Costas de 1969 porque invadía o dominio público. Finalmente o servizo de Costas de Lugo arquivou este primeiro expediente, aínda que sería iniciado de novo no ano 1992.

No ano 2002, a Tomás Cociña concedéronlle unha autorización para explotar un mesón na casa cun permiso de 15 anos de duración, pero por problemas familiares non abriron finalmente o negocio.

En 2013 aprobouse a nova Lei de Costas, facéndose eco do informe do Parlamento europeo de 20 de febreiro de 2009 no que se instaba ás autoridades españolas "a protexer os dereitos dos lexítimos propietarios de vivendas e daqueles que posúen pequenas parcelas en zonas da costa que non teñen un impacto negativo sobre o medio ambiente costeiro". Pero neste caso non axudou a liquidar os problemas xudiciais para a familia, onde temen que o próximo paso que leve a cabo a administración pública sexa a proposta de derriba da vivenda familiar. "O ministerio quere tirar a casa porque o deslinde afecta unicamente a unha parte da casa", explica Tomás, resignado.

"Adquirimos a casa con toda a ilusión do mundo, a cal contaba con licenza de obra, escrituras de propiedade e os terreos foran vendidos polo Concello de Viveiro", advirte o afectado, que di que a "casa está deshabitada. Non podemos habitala porque o prohibe Costas desde que outorgou a concesión para a explotación do mesón", conta.

"Só nós sabemos o que levamos gastado en avogados, consultas, informes e xuízos", di Cociña, que afirma que intentará, mentres a saúde permítallo, "que haxa un nuevo deslinde que teña en conta todas as obras de urbanización que se realizaron na contorna", mentres bota en falta a axuda do Concello ao longo dos anos "porque isto vén provocado por non asumir a súa responsabilidade inicial no sucedido", argumenta.

A idea que ten o propietario é "continuar defendendo os meus intereses, porque a lei cambia continuamente e teño a esperanza, xunto con outros propietarios particulares, que se dea unha solución aos que fomos compradores de boa fe", afirma sen esconder as súas esperanzas.

Comentarios