Debra organiza unha cea baile benéfica o sábado no hotel Nordés de Burela

A música poraa DJ Senín, haberá sorteo de agasallos e un menú vegano como alternativa
Quico Muñoz es el alma máter de esta iniciativa
photo_camera Quico Muñoz é a alma máter desta iniciativa. FOTO: AMA

Por primeira vez, os organizadores das carreiras ás de Vida de Burela programaron outra actividade, esta vez lúdica, cunha cea baile benéfica para recadar fondos para a asociación Debra, Pel de Bolboreta. A cea é o sábado, no hotel Nordés, e os que queiran asistir teñen ata o xoves para retirar os tickets en Alba Vila.

"A idea é darlle un pouco de continuidade ao proxecto de ás de Vida, que a chama siga acendida, e por iso decidímonos a facer esta cea benéfica", di Quico Muñoz, a alma máter do evento, que contará coa actuación do DJ Senín tras a cea e ata as 03.00 horas.

"Non é tanto o afán recadatorio como o de xuntarnos os amigos que estamos a apoiar esta causa», di Muñoz, que recorda que a idea a tiña xa hai tempo "pero coas obrigacións do día a día fómolo pospondo", engade.

Cun aforamento limitado a 120 persoas no hotel burelense, este luns estaban apuntadas 70 persoas, aínda que os organizadores esperan que "o último empuxón sexa grande". Muñoz confórmase que asistan un centenar de persoas, "que estaría ben para ser a primeira vez".

Esta iniciativa é moi parecida á que fai a Protectora de Animais de Burela. "Inspirámonos na súa idea, porque hai xente da nosa asociación que ten moita amizade con eles". De aí xurdiu tamén a idea de facer un menú vegano, composto por un timbal de verduras asadas e quinoa, pizza vegana de verduras, rúcula e pesto, ademais dun wok de arroz, verduras e froitos secos, con sobremesa caseira, café e licores. O outro menú estará composto por pastel de cabracho von tostas e maionesa, croquetas caseiras, patacas ao pobre con xamón, lacón de porco asado e sobremesa, café e licores. O custo do menú é de 30 euros, dos cales 5 irán destinados á asociación Debra Pel de Bolboreta. 

Como colofón, entre os asistentes haberá un sorteo de produtos de beleza e deportivos. Muñoz quere agradecer a colaboración de Alba Vila sempre que lla reclama para este tipo de eventos.

Comentarios