Mondoñedo inaugura a casa-museo de Álvaro Cunqueiro

O espazo museístico abriu as súas portas en presenza de representantes políticos

A Casa-museo de Álvaro Cunqueiro, en Mondoñedo, quedou oficialmente inaugurada nun acto que contou coa presenza, entre outros, do conselleiro de Educación, Román Rodríguez; o presidente da Deputación, Darío Campos, e a alcaldesa mindoniense, Elena Candia. 

O espazo museístico, situado na Praza da Catedral, repártese nas catro plantas do estreito edificio no que viviu o autor de Merlín e Familia.

O investimento superou os 420.000 euros, dado que a Deputación de Lugo achegou 308.000 euros en varias fases para a rehabilitación integral do inmoble, mentres que a Xunta de Galicia puxo os 120.000 euros do proxecto de musealización.

O titular de Cultura e Turismo da Xunta precisou que este museo se pon agora a disposición da cidadanía para "honrar e difundir o legado e a figura" do soado autor mindoniense. Segundo Román Rodríguez, a apertura deste museo "axudará a vivificar o legado" de Cunqueiro, un "clásico", porque "o século XX foi o seu marco cronolóxico, o seu contexto vital", pero o autor mindoniense "supera ese marco e ese contexto concretos", dado que "brilla e loce en calquera lugar e en calquera tempo".

"Na casa-museo pódese ver a propia cama do autor e a súa máquina de escribir"

Pola súa banda, Darío Campos dixo aos medios de comunicación que esta inauguración é unha mostra máis de que "a Deputación de Lugo apoia todos os proxectos" que son interesantes para a provincia, "goberne quen goberne" en cada municipio, sempre "atendendo ás prioridades de cada concello e dos seus veciños".

Un grupo de alumnos leu fragmentos de obras de Cunqueiro. J.Mª ÁLVEZ[Un grupo de nenos leu fragmentos da obra de Cunqueiro. J.Mª ÁLVEZ] 

A alcaldesa recordou que a apertura desta Casa Museo de Álvaro Cunqueiro era "un compromiso" que adquirira o propio goberno local "non só con Mondoñedo, senón tamén con Galicia". "Creo que saldamos unha débeda pendente coa obra de Cunqueiro", dixo a rexedora local, quen agradeceu que finalmente poida "dispor dese espazo" e, ademais, nun "lugar tan estratéxico", como é a Praza da Catedral.

Recordou, así mesmo, que "nace como un proxecto máis ambicioso que un museo estático", porque a intención do Concello de Mondoñedo é convertelo "nun elemento dinamizador, que poña en valor a súa obra e siga divulgando todo o que lle achegou á cultura galega". Que sexa "un reclamo para Mondoñedo", para atraer "a turistas e visitantes", pero tamén un elemento "dinamizador para desenvolver proxectos culturais, como establecer bolsas para que se siga estudando a súa obra ou incluso pór en marcha un premio de novela".

Rodríguez, Candia y Campos, ante la catedral de Mondoñedo. J.Mª ÁLVEZ

O fillo do intelectual non acudiu ao acto
"Tanto Mondoñedo como Galicia se atrasaron un pouco na posta en marcha deste museo, pero teño que destacar a gran colaboración e o agarimo co que acolleu este proxecto o seu fillo César, que sempre actuou como interlocutor, e a multitude de obxectos que nos cedeu, por suposto de forma gratuíta", engadiu.

Precisamente o fillo do intelectual non acudiu ao evento ao considerar que non se contou o suficiente coa súa opinión e que se "supeditou a política á cultura", segundo recolle este venres Faro.

Candia, pola súa banda, recordou que en Casa Museo de Cunqueiro os visitantes van poder "a propia cama" do autor, "a súa máquina de escribir e elementos persoais máis ou menos significativos, que teñen o seu encanto, porque formaron parte da súa vida e da súa obra".

Román Rodríguez tamén aproveitou a súa estancia en Mondoñedo para agradecer a distinción como Cunqueiriano Emeritus, concedida polo Concello de Mondoñedo. 

Comentarios