
Un novo corte de luz tivo lugar nunha parte do centro urbano de Ribadeo. Foi un pouco antes das dúas da tarde e prolongouse por espazo duns cinco minutos.
O feito de que se producise precisamente a esa hora volveu xerar malestar entre os ribadenses, pero de forma especial entre o sector da hostalería, que viu como se producía de novo un corte na subministración eléctrica nun momento do día no que se atopan no pico da súa xornada laboral. Tamén castigou a empresas xusto á hora de peche.
Acisa Ribadeo pronunciouse sobre este novo corte enerxético no municipio e lamentou que volvese producirse "no mesmo momento que os últimos, xusto cando máis dano nos causan". Xa enviaron unha carta de queixa e esixindo que se lles aclare que empresa é a responsable do que sucede, Viesgo ou Begasa. Este diario púxose en contacto con elas pero non fixeron comentarios.