A continuidade de Alcoa esixe máis medidas que o estatuto eléctrico

Coa fábrica de San Cibrao en números vermellos e un panorama de eleccións que retardará as medidas que axuden a mellorar a competitividade industrial, os traballadores e a dirección de Alcoa esperan este martes algún sinal político que permita despexar o futuro da fábrica e os empregos. De novo, o problema: o prezo da enerxía

Cheminea de Alcoa. EPA VISITA conxunta do presidente da Xunta e da ministra de Industria á fábrica de Alcoa debería escenificar este martes a vontade inequívoca de buscar solucións urxentes para a viabilidade da fábrica de San Cibrao e concienciar tamén a todas as administracións, persoal e veciños de que o seu futuro está en dúbida. Dunha forma rotundamente clara, porque a empresa está agora en perdas e sen perspectiva de saír delas no futuro inmediato. Tanto esta presenza institucional na que aparcar as rivalidades políticas, como a manifestación deste mércores convocada en Xove, deberían marcar un punto de inflexión nun problema industrial perentorio. A factoría, e a comarca da Mariña enteira, atópanse ante unha lameira influída polo atasco político do Estado, a pésima conxuntura dos mercados internacionais do aluminio e, sobre todo, o cara que resulta a electricidade para as empresas de gran consumo, en comparación coas tarifas finais de países como Francia ou Alemaña. E esta última é a pedra de toque que haberán de puír nuns poucos meses se se queren manter os postos de traballo en San Cibrao e a base económica da Mariña enteira. Pero hai varios factores:

1. O estatuto de empresas electrointensivas que prepara o Goberno non é suficiente

A pesar de que é unha das demandas máis coreadas nas concentracións do comité de empresa, por si só non garante unha rebaixa suficiente da factura enerxética como para salvar á grande industria. Polo menos cos termos que transcenderon do seu borrador, que segue o trámite nun Goberno en funcións que pretende obter o visto e prace da Comisión Europea. Tal como está, ese texto normativo podería axudar a empresas cementeiras ou fábricas doutro tipo nas que a electricidade supón un 5% dos custos pero non a industrias como a do aluminio onde representa o 40%. De aí a demanda de medidas que garantan ás firmas hiperelectrointensivas un "prezo razoable" para o megavatio.

2. Outra fiscalidade achegaría credibilidade á continuidade de Alcoa en España

Os traballadores reclamaron o pasado venres a presenza urxente da ministra de Industria en San Cibrao e probablemente Reyes Maroto poderá obter en directo outra perspectiva sobre un gran complexo industrial que leva décadas en funcionamento día e noite sen máis pausa que os críticos momentos do desembarco dos bidóns do Casón. Un grande erro político que ningún partido debería repetir. O comité xa avisou de que un parón xeral das cubas electrolíticas como entón non tería probablemente volta atrás. No entanto, o aviso das 32 inactivas na actualidade son só unha medida conxuntural que tanto traballadores como empresa quererían reverter en breve. Para iso necesítanse medidas fiscais indirectas que fagan rendible a produción de aluminio primario. Pasarían quizais por non repercutir no recibo das electrointensivas o céntimo verde, que tampouco pagan os competidores alemáns. Iso podería rebaixar uns 9 euros o prezo do megavatio. En España tamén se lles carga na factura das grandes industrias os custos de transporte pola Rede Eléctrica de España, directamente controlada polo Estado pero coas compañías eléctricas como grandes accionistas. Quitalo sería de grande axuda para firmas como Alcoa. En definitiva, necesítase unha rebaixa importante no prezo do megavatio e non só dun euro e pico como se barrunta agora.

3. Os pagos por emisións de CO2 e interrumpibilidade aliviarían a situación?

As eléctricas tamén cargan na factura aos seus clientes os custos de emisións de CO2, cuxo mercado mundial de dereitos está agora preso da especulación. O incremento anunciado polo Goberno nos fondos de compensación para manter a competitividade industrial foi benvido. O seu cobro inmediato axudaría pero iso esixe manter a actividade polo menos por tres anos, algo inviable en Alcoa nas actuais circunstancias. Ademais, por si só non despexará as incógnitas sobre a viabilidade industrial. O mesmo ocorre co mecanismo de compensación da interrumpibilidade que en breve debería saír a poxa para o 2020. Que a súa remuneración se manteña en niveis razoables é fundamental porque xa nas últimas convocatorias o prezo que obtivo Alcoa por estar en disposición de desenchufarse para manter o abastecemento cidadán foi moi inferior ao doutros anos.

4. Por que agora a fábrica de San Cibrao corre maior perigo de peche que nunca?

Porque o prezo eléctrico é insostible e disparouse ata os 60 euros/megavatio mentres que en países próximos é máis baixo e en fábricas do norte de Europa supón apenas 1/3 do español. Competir co aluminio que chega de Oriente Medio ou do hípersubvencionado metal chinés que alaga os mercados, volveuse unha misión moi difícil que, ademais, debilita a Alcoa a nivel mundial. A centenaria multinacional non está nestes momentos para manter fábricas en perdas. Outro factor crítico actual é o esborralle do prezo da alúmina, cuxo prezo caeu un 30%. San Cibrao tivo beneficios o pasado ano grazas a que as ganancias en Alúmina -onde Alcoa posúe o 60% e a australiana Alúmina Limited o 40%-, compensaron o déficit en Aluminio. A tonelada de alúmina disparouse ata os 600 euros a tonelada. O problema é que este setembro Alúmina tamén entrou en perdas polos baixos prezos ao volver producir unha planta brasileira que estivera parada e finalizar o bloqueo da Administración Trump a empresas rusas como Rusal, que ten unha refinería en Irlanda que volveu servir a moitos clientes europeos. Con ambas as plantas de San Cibrao en perdas e sen perspectivas políticas e económicas de reconducir a situación, o perigo de peche é máis palpable que nunca e a retardación da actividade xa se nota en moitos dos traballos que Alcoa contrataba a empresas auxiliares.

5. Quere Alcoa seguir coa actividade en España?

A sensación xeral é que si pero nas actuais circunstancias de perdas non hai empresa que o soporte moito tempo. Na mentalidade norteamericana non encaixa desde logo encadear exercicios con 60 millóns de perdas e se desde España non hai sinais cribles de que a situación enerxética poida cambiar, a venda ou o peche podería estar ao virar a esquina. Con todo, Alcoa ten en gran concepto á fábrica e ao persoal de San Cibrao pois estaría no seu podio mundial -a nivel interno chegou a estar no segundo posto e este verán premiou ao persoal de Aluminio- en canto a mantemento e calidade de produción. O problema é que o factor enerxético colócaa á cola do rendemento no grupo e só unha planta de gran conflitividade e declive en Australia empeora neste momento os seus resultados.

6. Por que Alcoa non inviste na fábrica como piden os traballadores?

A fábrica produce con calidade pero xa non está á última a pesar dos máis de cen millóns de investimento nos últimos anos e a chegada do gasoduto. No actual panorama parece totalmente descartada unha modernización. Ou chega un marco eléctrico estable ou as perspectivas son nulas. Tampouco ata agora parece fraguar ningún proxecto que comprometese a Alcoa actualizacións a cambio de bonificacións eléctricas. É máis, estas empeorarían progresivamente desde que se eliminou a tarifa eléctrica subvencionada G4 para grandes consumidores. A finais do pasado século aplicábase ás siderurxias, fábricas de cinc, aluminio e produtores de fertilizantes con grandes facturas enerxéticas que inflúen excesivamente no custo final do produto, pero quedou obsoleta. Sempre foi un factor crítico para Alcoa, o maior consumidor eléctrico do país e, como noutros países industrializados, o Estado tratou de axudar a esta e outras industrias que demandaban antes, como agora, quitar da factura conceptos non relacionados directamente coa xeración da electricidade. A tarifa G4 expirou no 2009, despois a liberalización do sector eléctrico propiciou catro anos de contratos bilaterais con Endesa ata que as bonificacións se canalizaron a través da prestación de interrumpibilidade regulada. Foron dous anos ata que en 2015 a interrumpibilidade comezou a ser poxada e na repartición de axudas entraron moitas máis empresas. Todo tivo un proceso político onde a boa vontade superaba os logros reais para a competitividade. Este martes, de novo, o futuro industrial, e o da Mariña, está no tellado dos políticos.

Comentarios