Conta atrás para O Naseiro

Os grupos de amigos e as familias apuran a montaxe das que serán as súas casas durante a popular romaría de Viveiro, unha das citas máis esperadas do municipio e a comarca
2019082114433596048
photo_camera Varios grupos montando o martes as casetas, en O Naseiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O venres arrinca un dos eventos máis esperados do verán e de todo o ano en Viveiro, tanto para os máis novos, que gozan ao máximo da celebración, como para os máis veteranos. Case unha semana de festa continua que serve para despedir o verán ao grande. Música, comida, bebida e diversión son os aspectos crave que compoñen e conforman a coñecida como Romaxe do Bo Xantar.

A pesar dos cambios de este ano con respecto aos anteriores, como a prohibición do descenso do río por motivos ambientais ou a diminución das zonas de aparcadoiro e acampada nas proximidades do Landro, a celebración continúa en pé e a festa está asegurada. Os días previos levan un traballo imprescindible, que é o de habilitar as parcelas para a comodidade dos asistentes, aínda que non todos os compoñentes dos grupos participan nesta tarefa.

Ana Travieso e os seus amigos levan xa desde o sábado habilitando e adaptando a súa "mesa", a cal será o fogar de todo o grupo de amigos durante os próximos días. Aínda que a maioría son de Viveiro, algúns veñen de León e incluso de Madrid. Trinta persoas que asistiron á romaría nos últimos cinco anos e pensan continuar coa tradición durante moito máis tempo.

"A organización entre todos é moi complicada, facémolo como podemos, pero as expectativas nunca se cumpren, a verdade", conta Travieso. A sesión vermú triunfa entre os compoñentes deste grupo de amigos e a maioría coinciden en que é a súa parte favorita da romaría. "Recordo o ano no que caeu unha granizada, foi bastante desastre. Pero ao final vimos o lado positivo e usamos o xeo para a bebida", chancea Ana. Neste grupo de amigos coinciden en que a unión que se crea durante estes días é palpable e ao final moitos dos grupos vanse xuntando e mesturando, indo os asistentes á romaría de mesa en mesa para socializar e pasarlo ben.

Outro dos grupos, que iniciou a montaxe da súa mesa o luns e que leva xa sete anos asistindo ao Naseiro, é o de Francisco Rodríguez e os seus amigos. "O ano pasado tivemos unha voda e pode ser que chegase a haber cen persoas aquí dentro da nosa parcela", recordan como unha anécdota divertida.

Julián González e os seus amigos tamén preparan xa estes días e un ano máis a romaría. A pesar de ser 22 no grupo, só sete conseguiron reunirse para esta tediosa tarefa de montar o "caseto". "As tardes na romaría gústannos moito. Estamos todos xuntos nos sofás, tranquilos...", aseguran os mozos.

A eliminación do descenso humorístico do río é unha das novidades deste ano, decisión tomada por motivos ambientais. As opinións sobre o asunto son moi diversas. Mentres que a algúns lles parece moi boa medida, outros coinciden en que non comprenden por que se fai nesta romaría pero noutro non. "Paréceme que é unha pena que se quite, pero en parte enténdoo, porque se é para coidar o medioambiente, é unha decisión lóxica", indica unha das amigas de Ana Travieso.

Comentarios