As conserveiras, ao detalle

Vicente Míguez Salgueiro e Carlos Nuevo Cal recollen no seu libro a evolución desta industria en Celeiro, O Vicedo e Mañón e numerosos documentos e fotografís sobre a súa actividade

Traballadoras de conserveiras de Celeiro. AMA
photo_camera Traballadoras de conserveiras de Celeiro. AMA

Vicente Míguez e Carlos Nuevo presentan ás oito e media desta tarde na Casa do Forno de Celeiro o seu libro Conserveiras sobre a traxectoria desta industria principalmente nesta localidade, pero tamén nas de O Vicedo, O Barqueiro e Bares. O Seminario de Estudos Terra de Viveiro publica este traballo, co que os autores queren facer unha homenaxe "a esas familias dos fomentadores e fabricantes, inxustamente esquecidos, así como a todas esas miles de mulleres e homes que traballaron moi duro nas fábricas de salga e conserva ou en calquera labor vencellado ao mundo da mar", sinalan no limiar.

O froito do seu labor de investigación "de moitos anos" comeza cun exhaustivo percorrido histórico dunha actividade que ten o seu albor na chegada dos cataláns polo 1750 cun novo método de salga e a introdución da xávega para a captura do peixe. Os autores analizan os cambios producidos nos séculos seguintes en canto á evolución das artes de pesca —cos conflitos que xerou— e das embarcacións, as crises pesqueiras ou os cambios profesionais ata chegar a actualidade, en que só queda en funcionamento a conserveira Albo.

Recollen que no XIX renace a industria da salgadura —en 1845 había oito fábricas censadas en Lavandeiras— e cara a finais tamén hai constancia dalgunhas conserveiras no norte galego. A primeira rexistrada oficialmente en Celeiro é a de Romualdo Villar Gómez en 1907, quen asemade introduciu o primeiro vapor de pesca na ría de Viveiro, o Alberta. Outro dos pioneiros foi Bernardo Alfageme.

O libro inclúe testemuños de operarias, algunhas das cales empezaron a traballar nas conserveiras con só 12 anos de idade

Nos anos 20 do pasado século o sector conserveiro de Celeiro experimenta un gran crecemento, con novas fábricas instaladas e adiantos como camións para o transporte ou a fábrica de xeo, ademais da creación da confraría de pescadores en 1923 ou da Unión de Fabricantes de Conservas y Salazones del Norte de Galicia no 1929. Nestes anos o porto de Celeiro "convertérase nun dos máis importantes do Cantábrico en canto á venda de bonito, bocarte e peixe fresco", din no libro. Porén a partir dos 70 as fábricas de conserva van desaparecendo debido "á falta de relevo xeracional nas terceiras xeracións, á falta de investimento en renovación da maquinaria e ás taxas altamente custosas para pequenas empresas".

Outro foco de interese da publicación son os aportes documentais relacionados coas respectivas conserveiras, que inclúen fotografías de distintas épocas ilustrativas do traballo que nelas se realizaba, dos operarios ou das embarcacións empregadas. En Celeiro recollen as fábricas de Romualdo Villar Gómez, Bernardo Alfageme, Balbino Insua López, Ramón Vázquez Campo, Vicente Vázquez Gómez e Dolores Franco Candamil, Antonio Álvarez Ladra, Antonio Goás Basanta, José Antonio Santos Fernández e José María Santos Salgueiro, José Antonio Sanjuán Abad, Antonio Alonso e Hijos, Francisco López Insua, José Antonio Santos, Hijos de Carlos Albo, Conservas J. Ribas e Hijos, Andrés Amor Santos, Fábrica de Koira, Laureano Goás Río, José A. Vilar Mayor, Feliciano do Canto o Manuel Prado Díaz.

Valle y Balseiro, José Iglesias Pérez e Conservas Xavier Piñeiro son as fábricas do Vicedo que aparecen nesta publicación, que tamén aporta material das fábricas de escabeches José Balseiro Cardelle, Pascual Bermúdez e Bernardo Alfageme de Mañón

O libro inclúe apéndices como o titulado O insólito Celeiro industrial que chama a atención na intensa actividade conserveira, con ata 22 empresas na primeira metade do XX con milleiros de traballadores. Outros recollen estatísticas de traballadores da Unión de Fabricantes, a historia da saga dos Goás ou táboas salariais.

TESTEMUÑOS. Outro apartado, Historias de vida, recolle a experiencia de traballadoras de distintas fábricas en Celeiro como Hermitas Basanta, Carmen Ramos, Nieves Ramos, Felisa Casabella, Carmen Fernández, Carmen Rivera e Luisa Labayén, algunhas das cales comezaron a traballar con 12 anos e lembran como cambiou o traballo coa introdución da maquinaria ou como moitas delas facían un gran sacrificio para compaxinalo co coidado dos fillos e as tarefas da casa.

Tamén aporta o seu testemuño Mercedes Piñeiro Infante, filla do conserveiro no Vicedo Xavier Piñeiro Seoane.

Comentarios