O conservatorio de Viveiro custa ao Concello máis dun millón de euros este ano

Os ingresos apenas superan os 110.000 euros
El conservatorio de Viveiro. AMA
photo_camera O conservatorio de Viveiro. AMA

O debate da aprobación das contas municipais de Viveiro para este ano puxo en relevancia datos como o custo do Conservatorio Profesional de Música, de 1.022.305,59 euros neste exercicio, segundo resaltou o edil de Son Viveiro, Luis Manuel García Otero, que lamentou a carga para as arcas municipais que supón xa que os ingresos apenas superan os 110.000 euros e xa que logo o déficit é de máis de 900.000.

"O custo do conservatorio sobe ano tras ano. Poderá manterse no 2020, non 2021, pero no 2022 estará difícil cando teñamos que sacar 1,5 millóns para pagar a débeda. Esta burbulla vai explotarlle a esta corporación nas narices en calquera momento", alertou o edil, quen manifestou que está a favor de que exista este centro no municipio pero animou a buscar outras fórmulas para o seu financiamento. "Hai que mover á Xunta, á Deputación, á Mancomunidade e implicar os concellos que teñan aquí alumnos", propuxo.

"A Xunta xa dixo por activa e por pasiva que non o quere", apuntou o concelleiro de Por Viveiro Bernardo Fraga, quen engadiu que hai máis concellos que sosteñen este tipo de centros e pediu facer "unha fronte común con eles".

O edil encargado do conservatorio, Jesús Fernández, recordou que hai unha iniciativa de 21 concellos galegos con centros deste tipo que non xestiona a Consellería de Educación para intentar que asuma esta responsabilidade e avanzou que volverá contactar co grupo para ver se hai novidades. Engadiu que ten case 300 alumnos de toda A Mariña e Ortegal e que a única axuda con que conta son 15.000 euros da Deputación.

Comentarios