O conflito do transporte conclúe cunha proposta de multa de Competencia a Arriva

Propón unha sanción de 545.160 euros tras constatar que non eran 13 os traballadores a subrogar pola nova concesionaria, senón 3
2019072017240876674
photo_camera Autobuses na estación de Viveiro. J. M. PALEO (AMA)

A Comisión Galega da Competencia propón sancionar a Arriva con 545.160 euros por prácticas "restritivas da competencia" vinculadas co contrato de transporte en A Mariña, onde esta empresa sostiña que a nova concesionaria do servizo, a UTE Autos Morán-Autocares Rodríguez Domínguez, debía subrogar a 13 dos seus traballadores, cando a investigación levada a cabo por ese organismo concluíu que unha parte importante "non cumpría os requisitos para a subrogación" e que realmente os empregados asumidos tiñan que ser tres.

Competencia afirma que Arriva "falseou os datos" sobre o custo do persoal necesario para prestar o servizo do transporte público na comarca tras comprobarse que o número que mantiña era "cando menos, inexacto e impreciso, e moi superior aos traballadores que realmente eran subrogables". Entón a UTE negouse a asumir a todo o persoal e estivo a piques de perder o contrato que lle adxudicou a Xunta.

A Comisión entende que a empresa "buscaba falsear a libre competencia mediante un acto considerado desleal" por varias razóns. En primeiro lugar sinala que a conduta de Arriva dirixíase "claramente a limitar a competencia non seu momento inicial, tratando de reducir o número de potenciais licitadores que, ante a expectativa de ter que asumir un número moi elevado de traballadores que terían que subrogar, verían pouco atractivo o contrato".

A isto engaden que a actitude de Arriva se mantivo no tempo e no propio desenvolvemento do proceso de selección do concesionario, pois certificou de novo un número e identidade de traballadores "que se constata que non se corresponde coa realidade". Finalmente, para a Comisión os informes que obran no expediente -de Inspección de Transportes e dunha consultora especializada contratada ao efecto- revelan que a empresa "actuou de mala fe, elemento básico de deslealdade, na información achegada non só na fase de preparación do contrato senón con posterioridade, para privar á empresa adxudicataria da licitación lexitimamente gañada ao obter a mellor cualificación non proceso de licitación".

A denuncia partiu da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade en febreiro de 2018. En abril do mesmo ano a Comisión Galega de Competencia -encargada de garantir que non se producen en Galicia prácticas anticompetitivas- iniciou un expediente sancionador ao obxecto de investigar e valorar os feitos denunciados. O 9 e 10 de maio de 2018 presentáronse sendas denuncias por parte da UTE que é a actual adxudicataria do contrato de transporte na Mariña, que fai a liña Viveiro-Ribadeo con anexos.

Agora a Comisión dá por finalizada a instrución do expediente iniciado contra Arriva por incorrer "en condutas contra a liberdade de competencia", un expediente que tipifica os feitos como "graves" e que leva aparellada unha multa do 3% do volume total de negocio da empresa.

Contra esta proposta de resolución do expediente sancionador non cabe recurso algún, "por tratarse dun trámite non impugnable", pero Arriva dispón de 15 días para formular as alegacións que estime. Pasado ese prazo estudarase a proposta de sanción e as alegacións no pleno da Comisión Galega de Competencia para elevar a definitiva a sanción.

Comentarios