Confirmada a sentenza que declara nulo o despedimento dunha enfermeira en San Cibrao

A residencia deberá admitir á traballadora e indemnizala con 6.000 euros
Residencia de San Cibrao. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Residencia de San Cibrao. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O Sindicato de Técnicos de Enfermería (SAE) informou este martes de que a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), tras admitir o recurso da empresa contra a sentenza do xulgado do Social nº2 de Lugo que declaraba nulo o despedimento dunha técnica de coidados de enfermería (TCE) da residencia de maiores de San Cibrao, confirmou a resolución.

Dese modo, precisa o sindicato, a empresa terá que readmitir á empregada, abonarlle os salarios de tramitación e pagarlle unha indemnización de 6.000 euros "en concepto de danos morais".

Para o sindicato, cuxa asesoría xurídica levou a cabo a defensa legal da afectada, "a sentenza demostra, unha vez máis, a situación de acoso que sufriu esta profesional por reivindicar dereitos laborais e o seu dereito a ser representante sindical".

Segundo o sindicato, o exercicio deses dereitos "derivou nun despedimento usando a ferramenta do despedimento disciplinario", mediante a argumentación de feitos "incertos para xustificar o inxustificable" SAE confía en que "a dirección da residencia modifique definitivamente esta forma de proceder e de xestionar os recursos humanos".

"No entanto, estas irregularidades esténdense a todos os traballadores e recordamos que SAE interpuxo recentemente unha denuncia ante a Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Lugo polas serias deficiencias observadas nesta residencia en canto á caótica organización das quendas de traballo", engade.

Quendas que se cambian constantemente e cun prazo de aviso aos traballadores extremadamente curto", apuntan.

Ademais, tamén se lles obriga a gozar dos días de libranza en días festivos ou ter que compensar cun día libre un festivo que se traballou, "en lugar de percibir a contía correspondente".

"Estas son só algunhas das condicións que están a sufrir os traballadores e que están a afectar moi negativamente o seu benestar sufrindo problemas de ansiedade, tensión e outros asociados do ámbito psicosocial", engade.

Por iso, o Sindicato de Técnicos de Enfermería está á espera de que "a Inspección poña en marcha as investigacións necesarias e solucione definitivamente esta lamentable xestión".