A conexión mariñá de Florencio

A veciña de San Cibrao Ana Carballo Delgado é sobriña neta do homenaxeado das Letras Galegas, Delgado Gurriarán, ao que puido coñecer nas súas dúas últimas viaxes dende o exilio
A sobriña neta, en San Cibrao, con cartas da muller e fillas de Florencio mentres este estivo en Galicia. J.Mª ÁLVEZ
photo_camera A sobriña neta, en San Cibrao, con cartas da muller e fillas de Florencio mentres este estivo en Galicia. J.Mª ÁLVEZ

O homenaxeado das Letras Galegas deste ano, Florencio Delgado Gurriarán, ten hoxe unha conexión na comarca da Mariña a través da súa sobriña neta Ana Carballo Delgado, veciña de San Cibrao dende hai catro anos e quen, tras participar xunto coa súa familia nas homenaxes ao seu tío avó, amósase moi agradecida e honrada por tantas verbas fermosas como escoitou.

A nai de Ana, Consuelo "ou Edmundiña como lle chaman na familia cariñosamente" é filla de Edmundo Delgado Gurriarán, o irmán maior de Florencio. "A miña nai é a figura máis importante pois é a que sempre estivo en contacto cos familiares de Córgomo e de México e quérena moitísimo", di sobre a familia de orixe valdaorresa. Foi súa nai tamén, xunto coa súa tía Eugenia, quen de nena lle contaba historias de Florencio. "As dúas son contacontos e sempre nos recordaban, como se fose un conto, a historia da nosa familia. Tamén nos lían cousas del", sinala.

Ana lembra que chegou a coñecer ao seu tío avó nas dúas últimas viaxes que realizou dende México, onde estivo exiliado e fixo a súa vida. Na primeira, a finais dos 60, a hoxe sancibrense aínda non nacera pero si recorda velo nas dúas seguintes viaxes, a do ano 76 e a do 81, a derradeira que faría pois faleceu en 1987 en Fair Oaks, California, durante unha visita a unha das súas fillas. "Eu coñecía a Florencio dende sempre e sobre todo ao seu fillo maior, que tamén se chama Florencio", comenta. Estes días de homenaxe puido reencontrarse coas tres fillas, Celia, Maruxa e Carmiña, que viaxou co seu fillo Robert e a súa nora.

O Día das Letras Galegas foi moi emotivo para a familia polo reencontro cos primos que viñan de México e Estados Unidos. "Houbo un acto moi bonito, moi emotivo, no teatro do Barco e despois fomos a Córgomo -localidade natal do autor- onde estaban os académicos, que fixeron unhas intervencións espectaculares e leron poesía. A continuación houbo unha festa rachada e gocei moito de estar coa familia. Todo o pobo de Córgomo, do Barco e de Vilamartín de Valdeorras portouse de forma impresionante, non había palabras para describir o amor que volcaron na familia", di.

Para Ana, que lle adicasen o Día das Letras Galegas ao seu tío avó é "marabilloso, unha honra en todos os sentidos; non hai palabras para describilo", e cre que esta homenaxe serviu para que moita xente que non sabía da traxectoria de Florencio Delgado puidese coñecelo. "Todas as persoas que interviron estes días sinalaban o belo que era poder estar reconectado co mundo sen necesidade de ter máis que as letras", comenta a sobriña neta, que escribe todos os días, sempre "con pluma e papel", e que lle dedicou un pequeno poema a Florencio. "Titúlase AMAR i ya e di: No se llora de día, se durme de noite".

Gustaríalle que o lembrasen como "un home moi bondadoso, ao igual que o avó Edmundo. Eran xente moi humilde que dedicou a vida á terra e ao pobo. O meu avó era un home moi bondadoso coas letras, gustáballe moito escribir cartas, e o meu tío avó ten unha maneira de escribir que o entenden moi ben os de Córgomo. Facía mensaxes en clave fermosas, falaba desa Galicia infinita, el vía as pinceladas da vida sempre con positividade e con luz a través da súa posibilidade de volver a Galicia", sinala.

Florencio Delgado visitou Sargadelos. EP
Florencio Delgado visitou Sargadelos. EP

Florencio Delgado visitou Sargadelos en 1981

O Laboratorio de Formas lembraba estes días a visita de Delgado Gurriarán a Sargadelos en 1981 para encontrarse con Isaac Díaz Pardo. O fillo deste, Xosé Díaz Arias, é quen aparece na foto co valdaorrés nas instalacións de Cervo. Ademais, Edicións do Castro editou o seu libro Cantarenas.

 

NAVEGANTE. Ana Carballo Delgado tamén viviu en Estados Unidos e noutras localidades pero veu atopar precisamente na Península da Paz o que lle faltaba. "Sempre fun moi feliz, pero A Mariña entregoume o que máis desexei na vida, a paz. Na Mariña son feliz e ademais estou en paz", comenta esta muller que recalou na localidade sancibrense co seu barco, pois é "navegante" e viviu xa en varios navíos, "barcos de madeira que eu coido".

De feito en San Cibrao é aprendiz de carpinteira de ribeira -a única muller recoñecida neste oficio- xunto á súa parella, "o último carpinteiro de ribeira da provincia" co que lembra que casou "polo mar" hai catro anos e é o motivo polo que decidiu ficar na vila. Tamén se define como "aprendiz de coidadora" de persoas maiores e, por enriba de todo, "aprendiz de nai" dos seus fillos.

A súa profesión é a de profesora. "Hai moitísimos anos que non traballo para ninguén, senón con quen quere artesanalmente crecer xunto ao que poidamos aprender", sinala, e da clases de inglés, de español, de cociña ou de manualidades "con nenos de 0 a 200 anos", bromea. De feito, pola amizade cun alumno seu de moitos anos, Evaristo Blanco, tamén acabou vindo a San Cibrao.

Comentarios