Condenado a 21 anos e 9 meses por tentar asasinar a súa ex e o seu fillo en Foz

Ademais, o xuíz prohíbelle residir ou acudir á localidade durante 27 anos

El vecino de Foz acusado de intentar matar a su expareja y al hijo de ella EP
photo_camera O veciño de Foz condenado polo intento de asasinato da súa ex e do fillo desta. EP

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a 21 anos e nove meses de cárcere a L.M.S.V, que en marzo de 2018 tentou asasinar a súa exparella e ao fillo da muller en Foz. Ademais, prohíbelle residir ou acudir á localidade lucense, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). 

O imputado, segundo consta na sentenza, "non aceptaba a separación" da súa compañeira sentimental e "con ánimo de acabar coa súa vida e a do seu fillo menor de idade", accedeu ao domicilio de Foz no que residían. 

Unha vez alí, abriu as bombonas de gas butano, os catro fogóns da cociña, o quentador e a estufa de gas, "con coñecemento e con vontade de que coa súa actuación lles produciría a morte cando chegasen á vivenda". 

O tribunal destaca que o sospeitoso non conseguiu o seu propósito porque cando a súa exparella chegou ao inmoble percibiu o forte cheiro a gas, polo que "non accionou a chave da luz nin acendeu o cigarro que tiña por costume ao entrar na cociña". 

Ese día o menor non se atopaba na vivenda porque se quedou cos seus avós. O tribunal, ademais das penas de prisión, prohibiu ao sospeitoso comunicarse e aproximarse á súa exparella durante 18 anos e, ao fillo da muller, durante 9 anos.

CONDENA TAMÉN POR ROUBO. Ademais de por dous intentos de asasinato, o home foi sentenciado como autor dun delito de roubo con forza en casa habitada, danos e quebrantamento de condena. 

Os maxistrados consideran acreditado que o acusado se apoderou e rompeu diversos obxectos do interior do domicilio da súa exparella. Entre os danos que causou figuran a fractura dun televisor e o cristal dunha foto da súa exparella, da que tiña ordes de afastamento.

NEGOU OS FEITOS. No xuízo, o home negou os delitos polos que a Fiscalía e a acusación particular solicitaron 30 anos de prisión. Na súa declaración, sostivo que mantiña coa muller unha "relación tóxica" marcada polo consumo de "alcol e cocaína". 

En todo momento rebateu que entrase na casa da vítima, que roubase e que abrise o gas para provocar a morte da muller e dun fillo da mesma, ao que confesou que quería "máis" que a algúns membros da súa familia.