Conde ve a impugnación do Ere como o "primeiro paso" pero aínda cre no acordo con Alcoa

Continúan os preparativos do recurso contra o despedimento colectivo
Francisco Conde
photo_camera Francisco Conde. ARQUIVO

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, considera que a impugnación do Ere presentado por Alcoa para a súa planta de aluminio de San Cibrao supón o "primeiro paso" para garantir a viabilidade da planta e o emprego. 

Este martes, reuníronse representantes dos sindicatos coa xefatura territorial de Emprego de Lugo para preparar a presentación da impugnación ao Ere en próximos días. A este respecto, Conde sinalou que "hai motivos suficientes" para que o xulgado dea a razón aos traballadores, mentres avoga por presentar "medidas cautelares" para que Alcoa non pare as cubas, o que considera "absolutamente determinante" para garantir o futuro da planta. 

Preguntado por se se traballa na intervención máis aló da impugnación xudicial, Conde sinalou que son "vías paralelas" e que son "compatible". Con todo, asegura: "Entendemos que aínda habería oportunidades de establecer un acordo con Alcoa", pero, "se non é así se traballa noutras opcións, "chegando incluso se fose necesario á intervención". 

De feito, resalta que este mesmo martes PSOE, PP e BNG apoiaron no Congreso a intervención temporal de Alcoa para a súa venda. Así mesmo, sinala que se traballa desde "a unidade" e a "coordinación" entre Xunta, Goberno e traballadores ante a "negativa" de Alcoa a proceder á venda. 

Comentarios