Conde reprocha a "inacción" do Goberno e asegura que a "solución" a Alcoa está nas súas mans

O conselleiro de Economía di que a ministra Ribera está a xerar unha "polémica ficticia" respecto da planta de Endesa nas Pontes

Francisco Conde. EFE
photo_camera Francisco Conde. EFE

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reiterou que "a solución a Alcoa tena o Goberno", ante a situación da planta de San Cibrao, polo que pediu que se adopten medidas para lograr un prezo eléctrico competitivo que garanta a súa viabilidade. A preguntas dos xornalistas, reprochou a "inacción" do Executivo en funcións e instouno a adoptar medidas que permitan que o "prezo sexa homologable a nivel europeo" e que a planta sexa "competitiva desde o punto de vista industrial".

Con iso, volveu pedir que se aprobe o estatuto electrointensivo para conseguir "un prezo entre 35 e 45 euros por megawatt". Nesta liña, asegurou que se o Executivo central segue co seu "inacción" a única solución será "pechar a planta de Alcoa".

"O Goberno ten a decisión de non facer nada e non pór en igualdade de condicións o prezo eléctrico para Alcoa", dixo en alusión a unha medida que afecta tamén á antiga fábrica da multinacional na Coruña, agora Aluiberia LC. "É posible ter ese prezo eléctrico competitivo e que haxa un estatuto que facilite medidas", recalcou Conde.

AS PONTES. Ademais, asegurou que a ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, está xerando "unha polémica ficticia"en relación ao cruzamento de acusacións coa Xunta pola situación da central de Endesa nas Pontes. "O que necesitan os traballadores son decisións do Goberno" como "eliminar o céntimo verde" e solicitar á UE "as mesmas condicións que teñen outras plantas" similares.  "Non é momento de xerar polémicas ficticias, é momento de tomar decisións", aseverou o titular de Industria, quen insistiu en que os empregados "necesitan respostas".

E é que o conselleiro volveu insistir en que a Comisión Europea "propón unha transición enerxética no horizonte 2030-2045 e nese horizonte é onde hai que tomar medidas", recalcou con motivo da súa presenza na presentación de resultados da Edar de Bens no uso de fontes enerxéticas limpas. 

Comentarios