Conde enxalza a formación dual no taller Ribadeo co Camiño

A iniciativa forma a vinte alumnos en xardinería e en programación de accións culturais

2019071713390381113
photo_camera O alcalde e o conselleiro participaron na plantación dun carballo. IRIA L. V.

Unhas vinte persoas participan no taller dual de emprego Ribadeo co Camiño en Vilela e Arante cuxa marcha supervisaron o martes o conselleiro de Industria, Francisco Conde; o alcalde, Fernando Suárez, e o edil de desenvolvemento local, Pablo Vizoso. O responsable autonómico destacou nesta visita a importancia de apostar "por unha formación flexible e dual para contar cunha Galicia máis preparada" e de ofrecer formación continua para garantir un acceso máis favorable ao mercado laboral.

Neste taller os vinte participantes, que eran desempregados, contan cun contrato laboral e fórmanse en instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e en dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais. Os alumnos crean e melloran áreas recreativas na zona da Palma en Ove, en Vilela ou na contorna do albergue; acondicionan espazos e pon en valor o patrimonio como no santuario de Nosa Señora das Virtudes da Ponte, e elaboran programacións culturais e canles de comunicación para promocionar o patrimonio existente no Camiño Norte. Conde destacou esta temática elixida "para preparar a Galicia de face ao Xacobeo 2021".

O alcalde agradece a colaboración da Xunta para este taller de emprego e aproveitou para pedirlle "outros dous novos"

Tanto o alcalde como o conselleiro agradeceron a colaboración mutua das institucións que presiden para levar a cabo este taller. "O novo modelo formativo require da colaboración entre Xunta, concellos e entidades para facer unha Galicia cada vez máis competitiva", dixo Conde, que recordou que a Xunta destina preto de 65 millóns en 1.100 cursos este ano e o próximo nos que participan 16.800 persoas. Fernando Suárez pola súa banda valorou o compromiso da Xunta para este taller cofinanciado pola UE e aproveitou para solicitar "outros dous novos obradoiros".

O alcalde destacou que con este taller "fóronse facendo moitas actividades desde o punto de vista medioambiental ao tempo que se procurou unha formación moi interesante para a xente en situación de desemprego, que agora vai ter unha preparación adicional para un mercado de traballo que se lles abre e que quizais sen este obradoiro non terían tanto acceso".

O rexedor e o conselleiro colaboraron na plantación dun carballo en Vilela e despois dirixíronse a Arante para supervisar as obras realizadas polo mesmo taller de emprego no Santuario de Nosa Señora. Tamén visitaron aos nenos de entre 6 e 12 anos que participan nos Obradoiros Camiño Verde para "concienciarse sobre a importancia da cooperación e traballar na sensibilización da sociedade polo cambio climático", indicaron desde Industria.

Máis en A Mariña
Comentarios