"Os concursos axúdanlles a perder o medo á xente"

O criador vivariense ten na cuadra os mellores animais "porque en San Roque está o hándicap do lobo, que come as cativas"
Adrián Mariño con Pitufiña do Celta, en el concurso morfológico de As San Lucas de Mondoñedo. JOSÉ M. PALEO
photo_camera Adrián Mariño con Pitufiña do Celta, en el concurso morfológico de As San Lucas de Mondoñedo. JOSÉ M. PALEO

Coñecido como Ou neto do Celta —o seu avó, quen foi tratante—, o vivariense Adrián Mariño continúa a tradición familiar como criador de cabalos de pura raza galega en San Roque, seguindo o ronsel da súa nai María Carmen Salgueiro Balsa. "Levo toda a vida neste mundo, son criador do cabalo típico galego e do árabe, gústanme ambos. Son goces diferentes pero a recompensa é a mesma". Mariño asegura que lle sería "imposible vivir sen animais, en casa sempre houbo de todo tipo".

Pitufiña do Celta é castaña con patas, rabo e crin negra. Destaca polo morfología e acaba de coroarse campioa da Copa Galicia na As San Lucas Mondoñedo. O ano pasado fora subcampioa. "Desde pequena sempre tivo as características moi boas para ser campioa, móvese moi ben, ten a cabeza grande e recta, é auténtica".Con ela compite en estampa e beleza. Tanto ela como outra outra moza bonita están nas cuadras, porque "en San Roque temos o hándicap do lobo, que come todas as cativas; por iso baixámolas ás leiras, sobre todo se teñen características moi boas". Teñen 20 cabezas de raza galega seleccionadas.

Para competir en estampa e beleza "hai que limpalos moito, tocalos, coma se fosen un cabalo de paseo. Manter un cabalo destes é caro, un só gasta máis de 100 euros ao mes en pensos e forraxes". Teñen pasaporte e rexistro no libro genealógico, cando se lles pon o chip fanlles unha reseña. "Os avós xa estaban rexistrados, fomos pechando sangue, buscamos que teñan capas escuras". O Celta xa repartiu moitos exemplares por Galicia.

Mariño cre que "a cantos máis concursos vaian mellor, porque lles axudan a perder o medo ás persoas". Con Pitufiña agora só adestra unha vez á semana, "ensínolle a estirarse e a que se coloque bonita, é moi explosiva. Despois do traballo sempre ten unha recompensa, zanahorias ou mazás".

Tamén tivo sorte coa árabe JB Laztana, de 4 anos, que con só catro meses de doma quedou terceira na Copa de Nacións disputada no hipódromo de Antela, en Xinzo de Limia. "Este fin de semana foi redondo, estamos supercontentos, ten orixes de competición bos", destaca.

Adrián e a egua
Os équidos de pura raza galega como este introducíronse con forza nos últimos anos na comarca. Pitufiña do Celta mide 1,30 metros de altura e ten 5 anos. O seu dono tamén ten vacas, cans e canarios, pero o que máis lle gusta son os cabalos. Adrián iniciouse nas carreiras con só 8 anos.

Comentarios