O concurso de grupos do Resurrection Fest tivo máis de 600 inscritos

O Concello acolleu unha nova reunión de seguridade, previa á xunta local do venres 28 na que se rematará de definir o operativo

Resurrection Fest 2018. X. LOMBARDERO
photo_camera Resurrection Fest 2018. X. LOMBARDERO

O Band Contest, o concurso para grupos noveis ou menos coñecidos que convoca o Resurrection Fest, tivo máis de 600 participantes entre os que a organización elexiu a 17 finalistas. Actualmente está aberto un proceso de votación e o luns coñeceranse os tres ganadores, que pasarán a formar parte do cartel e tocarán no festival.

"Foron máis de 600 bandas as que se apuntaron, batindo o récord absoluto, e houbo un enorme nivel que fixo a selección moi difícil", apuntan dende a organización, que mantén aberta ata este domingo a votación popular coa que se elexirán a dous dos grupos, mentres que o terceiro o proporá un xurado profesional. Os finalistas son Arrhythmia, Astray Valley, Bladders, Counteractt, Dawn of Extinction, Incursed, Inyourface, Lude, Malkeda, Orion Child, Purge of Sanity, Raiba, SnakeyeS, Stereozone, The Broken Horizon, Thybreath e Where the Oceans Fall.

Doutra banda, organizadores, responsables municipais e representantes de forzas de seguridade e emerxencias participaron onte nunha nova reunión na que se fixo unha análise da experiencia do ano pasado, previa á xunta de seguridade que celebrarán o venres 28 e na que quedará definido o operativo da vindeira edición.

Comentarios