Un concursante con síndrome de Down, no certame barista do IES Foz

Roberto Roque Pereira terá que competir, en igualdade de condicións, con outros doce elaboradores de café

Roberto Roque Pereira preparando un café. DOWN VIGO
photo_camera Roberto Roque Pereira preparando un café. DOWN VIGO

Roberto Roque Pereira, ao que todos coñecen como Róber, será a primeira persoa de España con síndrome de Down en participar nun certame profesional de baristas e farao o venres en Foz, onde terá que competir, en igualdade de condicións, con outros doce elaboradores de café, entre eles o seu formador, Marcos González, actual campión nacional e gañador o pasado ano do certame focense.

Unha cita na que nesta edición tamén participará Víctor Couto, natural de Foz e primeiro profesor de Róber no centro de Down Vigo, ao que pertence.

Varios meses levan adestrando xuntos Marcos e Rober, aínda que o máis tranquilo é este último, que ten moitas ganas de dar o mellor de si en Foz. "A min o que máis me gusta é facer café", recordaba este martes por teléfono.

Na súa actuación no instituto mariñán deberá preparar catro expresos, catro capuchinos e outros tantos cócteles sen alcol, todo iso en menos de quince minutos, un reto para o que sente preparado. A súa seguinte cita será o 16 de maio no Campionato Nacional de Baristas, en Vigo.

Comentarios