O Concello de Viveiro apoiará aos autonómos que pecharon cunha axuda de 850 euros

Deberán manter a actividade e polo menos o 50% do persoal durante un mínimo de tres meses ► Se os 400.000 euros de orzamento non cobren as solicitudes lanzará outra liña de subvencións para quen cesaron actividade por perdas superiores ao 75%

María Loureiro y Bernardo Fraga.ANTÍA
photo_camera María Loureiro e Bernardo Fraga.ANTÍA

O Concello de Viveiro apoiará os autonómos do municipio que se viron obrigados a pechar os seus establecementos polo estado de alarma. Recibirán unha axuda de 850 euros, equivalente a tres cotas mínimas, dentro do plan de reactivación para paliar as consecuencias do Covid-19, dotado con 400.000 euros.

Os beneficiarios deberán manter a actividade polo menos tres meses logo da finalización do estado de alarma e en caso de ter traballadores han de conservar como mínimo un 50% do persoal do mes anterior á declaración do confinamento.

A alcaldesa, María Loureiro, e o portavoz de Por Viveiro, Bernardo Fraga, deron a coñecer onte as bases do plan, que se someterá á aprobación do pleno o vindeiro martes 2, tras o que haberá 15 días para alegacións, polo que a rexedora estima que as axudas poderán solicitarse cara a finais de xuño, cando calcula que se producirá a publicación das bases definitivas.

O borrador colgarase na páxina web, ademais de entregarse a asociacións e xestorías para que poidan preparar xa a documentación necesaria para acollerse a este plan.

María Loureiro indica que “se o orzamento non cobre as solicitudes presentadas, o Concello lanzará outra liña de axudas para as pemes e autónomos que cesaron a súa actividade por ter perdas superiores ao 75% da súa facturación”. A rexedora destaca o “gran esforzo” do Concello e espera que os grupos da corporación apoien o proxecto.

O independente Bernardo Fraga agradeceu ao goberno vivariense o traballo realizado para cumprir canto antes o acordo alcanzado. “Se un só comercio non pecha grazas ás axudas será un éxito para todos, dado que este é un ano de dificultades e hai que estar ao servizo do comercio e dá hostalaría”, sinalou, pois cre que será “un balón de osíxeno” para os pequenos empresarios e o sector servizos.

Tanto o PSOE como Por Viveiro recibiron felicitacións por acordarse do sector e recoller as propostas destes colectivos, que xa preguntaron cando sairán por medo “a perder o prazo”.

As bases presentadas onte recollen os requisitos a cumprir, como ter domicilio fiscal e o local da actividade en Viveiro, estar á corrente nas obrigacións tributarias e non ter débeda co Concello, desde a data de solicitude ata o pago da subvención en ambos os casos.

O prazo de presentación das solicitudes, a través da sede electrónica municipal, será dun mes, desde o día seguinte á publicación no BOP. A concesión outorgarase en réxime de concorrencia competitiva e o período máximo para resolver e notificar será de tres meses.

Os beneficiarios deberán cumprir unha serie de obrigacións e entregar a documentación justificativa nos dous meses seguinte ao período subvencionable, de 16 de setembro a 16 de novembro, no rexistro electrónico. Prevese a posibilidade de pago anticipado do 80% da axuda no prazo dun mes desde a concesión abonando o 20% restante unha vez xustificada.

O servizo de xestión tributaria tramitará o expediente de reintegro en caso de incumprimento, que incluirá intereses de demora e as responsabilidades e sancións a que haxa lugar.

Doutra banda, a corporación gardará no pleno, presencial e con distancias, un minuto de silencio polos falecidos a causa do coronavirus.

Comentarios