Viveiro segue á espera do estudo de Augas para reparar danos da riada

O ente autonómico di que limpou a ponte agora obstruida e que o seu mantemento corresponde ao titular da vía

Puente derribado que corta una carretera en A Carreira. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Ponte derrubada que corta unha estrada na Carreira. JOSÉ Mª ÁLVEZ

"Hoxe hai tres meses e todo segue igual", lamentaba este luns un veciño a beiras do río Xunqueira, augas arriba do núcleo urbano, onde aínda son moi evidentes as pegadas da riada do 18 de novembro, con pontes derrubadas que cortan accesos ou pistas impracticables. Operarios de Augas realizaron as tarefas de limpeza máis urxentes na canle e o Concello, que fixo reparacións de urxencia en zonas urbanas, di que non pode actuar no resto de infraestruturas ata que o organismo autonómico lle remita o estudo hidrográfico que está a realizar coas recomendacións para cada zona.

"Creo que está ao caer, pero ata que o teñamos non podemos actuar", asegura a alcaldesa, María Loureiro, quen recorda que este informe "fai unha valoración dos traballos pendentes e as pautas á hora de reconstruír", pero non implica ningunha obra por parte do ente público, senón que é o Concello o que debe asumir as reparacións e "agora economicamente é inviable", recoñece a rexedora, quen cifraba entre 250.000 e 300.000 euros o custo e apelaba á implicación doutras administracións.

O Concello pediu axuda a Medio Rural para a reparación de pistas "que están en moi mal estado" e tamén á Deputación, cuxos técnicos xa colaboraron á hora de realizar a valoración dos danos. "O Concello fixo todo o que tiña que facer e agora está a traballar nas axudas", di en relación ás solicitadas ao Goberno dentro da posible declaración de zona gravemente afectada por unha urxencia de Protección Civil. "Son máis de 50 persoas e hai que facer un estudo exhaustivo de cada caso. Os técnicos teñen que facer iso máis todo o do Concello e ímolo facendo como podemos", apunta Loureiro.

CANLE OBSTRUÍDA. Veciños da zona alertaban sobre o taponamiento dunha ponte na zona entre Chao da Rocha e A Carreira, unha infraestrutura onde a auga flúe canalizada en dous tubos que deixan pasar unha pequena cantidade, mentres que o groso do caudal pasa a infraestrutura e segue o seu curso por encima dunha pista para volver máis adiante ao leito habitual. "Non nos alertaron deste tapón, pero estaremos pendentes", dixo a alcaldesa.

Desde Augas recordaron que acometeron traballos de limpeza nesa zona tras a riada "de forma que a auga corría sen problema", e achegan fotos e fichas das actuacións realizadas para a retirada de restos vexetais da canle. Explican que "pode ser que posteriormente as choivas produzan un novo atasco derivado da existencia desa ponte".

O organismo recorda que a responsabilidade de manter esa infraestrutura é o titular da vía, "así o establece a normativa e clarifícao a instrución de conservación de ríos publicada o pasado mes de xaneiro". Por iso din que os veciños deben dirixirse ao Concello para aclarar de quen é a titularidade e a quen lle corresponde o mantemento.

RESPOSTA AO BNG. O BNG de Viveiro lamentou que a Xunta "non aclara" ningunha das preguntas que lle formulou no Parlamento sobre a riada. Infraestruturas contesta que os técnicos seguen traballando e que ao ser unha zona catalogada de risco potencial significativo de inundacións a Xunta "aposta por traballar, da man do Concello e demais administracións, para facer unha reflexión conxunta e poñer os medios necesarios para tratar de evitar que o sucedido se volva repetir".

Comentarios