O Concello cervense amplía a área de estacionamento de autocaravanas

Esta acción tivo un custo total próximo aos 10.000 euros e súmase a outras melloras, como a instalación de rede wifi

Villares, con usuarios. AMA
photo_camera Villares, con usuarios. AMA

O Concello de Cervo mellorou a área de autocaravanas de A Veiga tan frecuentada nos meses de verán, que chega ao cento por cento de ocupación durante os meses de xullo e agosto.

O alcalde de Cervo, Afonso Villares, e a edil de Turismo, Mali Méndez, supervisaron unha actuación para a que se destinaron preto de 10.000 euros , procedentes na súa totalidade de fondos municipais, e compartiron unha charla con persoas usuarias instaladas alí durante estes días, quen destacaron o confortable da área de autocaravanas, tanto pola contorna na que está situada como polos servizos dos que dispón dita área.

Tal e como explicou Villares, "os traballos foron dirixidos fundamentalmente a regular o estacionamento, co que se logrou ampliar a capacidade da área. As persoas usuarias tamén gañaron en comodidade durante a súa estancia, á vez que conseguimos ordenar o tránsito nesta zona".

O rexedor puxo en valor este espazo que é, a día de hoxe, un puntal vital do turismo en concello de Cervo. "Traballamos para conseguir unha contorna que sexa confortable para as persoas que nos visiten; tendo en conta tamén dos beneficios que reporta esta modalidade vacacional, tan en auxe, ao noso municipio", afirmou.

Pola súa banda, Mali Méndez, apuntou que os traballos recentemente finalizados súmanse a outros que levaron a cabo en meses pasados nesta zona, entre as que destacou "a posta en funcionamento dunha rede wifi municipal; a instalación de novos puntos de luz e paneis informativos sobre a contorna con todo tipo de información turística e de interese para persoas usuarias que inclúe a localización dos diferentes puntos turísticos e servizos fundamentais do municipio", concluíu Méndez.

Máis en A Mariña
Comentarios