"Como a xente non se coide morrerán máis persoas, tamén aquí; será un inverno difícil"

Camilo Vázquez Corveiras, técnico en emerxencias sanitarias na ambulancia medicalizada, cumpre este martes 22 anos de servizo nas urxencias, que exerce no vehículo que atende toda a comarca dende Foz

Camilo Vázquez. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Camilo Vázquez. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A Uvi medicalizada móbil resulta vital á hora de salvar persoas cuxa vida está en xogo e conta cun cardiocompresor que fai a masaxe cardíaca de xeito automático por tempo limitado, pois funciona a batería. o servizo Urxencias Médicas do 061 tivo que atender catro paradas cardíacas nunha semana. A ambulancia medicalizada na que traballa como técnico Camilo Vázquez cubre as emerxencias entre Ribadeo e O Vicedo e ata Abadín.

Como lles afecta a reducción dun técnico? 
Levábamos tempo cun sistema baseado en catro persoas, que era a clave do éxito das ambulancias medicalizadas que funcionaban cuns protocolos moi estrictos, que houbo que reestruturar. Agora médicos e enfermeiros asumen funcións que non lles son propias e os técnicos tamén, temos que localizar o punto, axudar na inmobilización e na estabilización do paciente se fose preciso. Esa maior carga de traballo supón que teña que preocuparme por se necesito máis apoio doutros profesionais, como bombeiros, forzas de seguridade ou Protección Civil.

"O cardiocompresor dános liberdade ao poder colaborar co resto do equipo, pero mellor sería ter outro técnico"


Nos últimos días tiveron apuro coas paradas cardíacas.
Atendemos catro paradas nunha semana de xente que non pasaba dos 60 anos, nesas situacións nótase moito a falla dun técnico, igual que nos accidentes de tráfico. Cando necesitamos máis mans temos que avisar á central para que nos active outro recurso e parar algunha ambulancia básica para ter outro técnico. Iso fai que usemos dous recursos para atender a mesma incidencia, porque non podes pedirlle a un familiar que agarre a padiola, axude coa RCP ou co traslado do material. Na parada de Foz fixemos falla de 10 a 15 persoas para sacar ao rapaz da praia. Neses casos tamén notamos a merma que sofren servizos como bombeiros ou Garda Civil.

Hai máis servizos con carencias?
Nas forzas de orde público é unha pasada, cando reclamas varias veces a presenza de axentes e non chegan, estás en perigo. Imaxínate a frustración e a impotencia.

Tamén se pediu que a asistencial de Foz funcione de noite.
De noite quedan catro, porque a de Foz pecha. É reivindicación da plataforma sanitaria e grupos políticos. Xa que quitan un técnico, polo menos ter 24 horas a de soporte vital básico, senón hai que activar outros recursos, entre os que é importante o traballo de Protección Civil, que non se valora como merecen, porque non son remunerados. Son conscientes das carencias e están sempre aí, son un eslabón máis na cadea.

Dispor dun aparello como o cardiocompresor axudarálles?
É un equipo de electromedicina que fai a masaxe de forma automática, ten unha batería determinada, e nas últimas paradas usámolo, aínda que nalgún caso tivemos que pasar a manual co que conleva ter un só técnico, todos damos o 2.000% para intentar que a persoa volva á vida. É un aparello custoso que só ten a medicalizada, pero que nos dá moita liberdade, porque nos permite colaborar co médico ou en calquera cousa que nos ordee o resto do equipo. Mellor sería ter outro técnico, unha das cousas que máis me agobia é saber chegar co equipo a domicilio, o médico e o enfermeiro son importantísimos, pero se a ambulancia non chega de nada serve. Hai que atopar o sitio, incluso pedir a un familiar que saia buscarme e senón hai esa sorte ao mellor tardas 20 minutos, porque nós só atendemos patoloxías tempodependentes, do tempo de chegada vai depender que o paciente viva ou non. Por iso a Uvi só vai onde o médico sospeita que pode haber perigo inminente. Só hai unha na Mariña e non podes malgastala.

Conleva moito esforzo mover o material nunha intervención?
Hai que tirar da xente doutros servizos de emerxencias, porque a unha parada hai que levar botella, monitor, aspirador, cardiocomprensor, ir cos epis, e logo se tamén fai falla o tableiro espinal ou a camilla para o traslado. Tiramos da xente que chega e iso crea bastante frustración. A ambulancia por desgraza non ten alas, hai que deixala a metros do sitio, como pasou nas Catedrais, houbo que subir e baixar escaleiras, correr co material dun lado para outro. Ogallá recapaciten e volvan ao antiguo sistema, Non é xusto que A Mariña teña unha ambulancia de 3 e nas capitais vaian 4, aquí teñen dereito á mesma asistencia, por riba de que temos un hospital comarcal con menos medios.

Cambiaron as patoloxías co confinamento?
Houbo poucos accidentes, pero moito infarto. Dende o confinamento notouse moito que medraron as síndromes coronarias agudas, que hai que atender inmediatamente e trasladar para a Unidade Hemodinámica de Lugo. Tivemos máis do dobre que o ano pasado. Quizais habería que estudar que está pasando para que haxa catro paradas nunha semana, porque ningún morreu afogado, se é o ritmo de vida, o Covid-19 ou que? O ano non foi bo.

"Dende o confinamento medraron as síndromes coronarias agudas"

Como viviron a escalada do coronavirus?
De marzo a maio estresados, sen case durmir, colleunos de novo, todos temos familia, compañeiros, non sabías se ías contaxiarte. E seguimos usando os métodos de protección para todos os pacientes, incluso traballando buzos, imaxínate o que é a 35ºC.

Tiveron falla de medidas de protección nalgún momento?
Dende o minuto un tivemos todas as medidas, segundo nos consta que noutros servizos non dispoñían delas, nós tivemos de todo, o 061 portouse, sacaron de onde non había, incluso se requisou material para abastecernos.

Como se presenta o inverno?
Agora vén o peor, polas patoloxías respiratorias, vai ser un inverno difícil. Este ano con máis alerta, como a xente non se coide van morrer máis, tamén aquí. A xuventude non o toma en serio e despois choran cando lles dis que hai que sedalos e entubalos. Teñen que concienciarse, estamos todos dándoo todo para que isto non vaia a máis, que parece un pesadelo.

Máis en A Mariña
Comentarios