O comité ve "moi preocupante" a situación de Alúmina polo gas

Os problemas da refinería de Alcoa centraron boa parte da reunión sobre Aluminio, onde haberá un novo investimento na subestación e empezou a derriba do forno de cocción
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Os representantes de CIG, CC.OO e UGT trala reunión, este xoves, no Ministerio de Industria de Madrid. EP

A reunión de seguimento sobre a fábrica de Aluminio de Alcoa en San Cibrao deixou como novidade un novo investimento na subestación eléctrica, con todo aínda non se ratificaron novos contratos para a subministración de enerxía. Segundo traslada o comité, boa parte do encontro entre empresa, traballadores, Goberno e Xunta inclinouse cara á situación da outra fábrica, a de Alúmina, que "é moi preocupante" polo prezo do gas.

Os traballadores solicitaron unha reunión para abordar a situación específica desta planta, onde se reduciu a produción nun 50% e descoñécese se Alcoa aplicará algunha outra medida. O comité espera que o Goberno poida informar sobre axudas da UE para paliar o incremento do prezo do gas, que fai que a fábrica teña "uns problemas bastante graves", afirma o presidente, José Antonio Zan.

"Hai que ver como podemos evitar que teñamos perdas e salvar esta situación que agora mesmo é moi preocupante; todos temos esa lóxica preocupación sobre o seu futuro e esperemos que se disolva rápido tendo un prezo da enerxía competitivo", engade.

En canto á planta de Aluminio, hibernada ata 2024, transcendeu que todos os investimentos empezarán a executarse pronto excepto a do forno de cocción de ánodos, prevista para o mes de xaneiro pero para a que onte empezaron traballos previos coa demolición do actual.

Alcoa di que traballa "intensamente en todos os proxectos de investimento" e informou que está en proceso de aprobación o dunha subestación con illamento de gas (Gis), un equipamento que conecta as liñas de alta tensión á fábrica e que, en caso de aprobarse, "podería supor unha investimento adicional na planta". A empresa abonaría medio millón ao fabricante para a reserva da fiestra de produción deste proxecto e do transformador.

En canto aos contratos de enerxía, segue traballando coas empresas coas que tiña preacordos (Endesa e Capital Energy) e fala con outras subministradoras para sumar novos acordos ao xa asinado con Greenalia, que continúa coa tramitación dos parques eólicos incluídos no seu PPA. Sobre o desenvolvemento destes parques o presidente do comité di que "está totalmente en mans das administracións".

A próxima reunión de seguimento será o 19 de outubro.

comentarios