O comité ve "inadmisible" a proposta de Alcoa de aprazar a venda

Atrasa a folga outras dúas semanas para tratar de reconducir a situación e que a operación poida pecharse antes do 30 de setembro
photo_camera Comunicado do comité de Alcoa. EP

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao rexeita a proposta realizada pola multinacional, na que expuña manter a fábrica de Aluminio activa un ano para que o Goberno solucione o problema enerxético e, despois, iniciar un novo proceso de venda.

A pesar dese rexeitamento os representantes sindicais decidiron de forma unánime e "por responsabilidade" prorrogar dúas semanas máis a paz social para tratar de canalizar a situación coa intención de que a venda da planta poida realizarse antes do 30 de setembro, como expuxera á aluminera a ministra de Industria, Reyes Maroto.

"Por unanimidade o comité considera que os termos da proposta de Alcoa son inadmisibles", di o presidente do órgano sindical, José Antonio Zan, que confía en que se poida retomar o proceso de venda nestas dúas semanas con dous "fitos". O primeiro é unha reunión que piden que sexa esta semana co Goberno, a Xunta e os sindicatos co obxectivo de strong "buscar unha postura común para a venda", un encontro "que a ministra se comprometeu a dar". O segundo sería reunirse coa empresa a próxima semana para trasladarlle a posición común do resto das partes e pedirlle que a acepte.

"A intención é levar a cabo a venda antes do día 30 de setembro, que foi a proposta que levou a ministra a Pittsburgh e é a que nós vemos máis factible", afirma o presidente do comité.

Máis en A Mariña
Comentarios