O comité e Industria pactan a folla de ruta para que Maroto negocie con Alcoa

A ministra viaxa o 19 de xullo á sede da multinacional en Pittsburg
Fábrica de Alcoa en San Cibrao. JOSÉ Mª ÁLVEZ (AEP)
photo_camera Alcoa. J.Mª ÁLVEZ

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, confirmou que a representación dos traballadores chegou a certo “acordo” coa ministra de Industria, Reyes Maroto, nunha reunión que tivo lugar este venres para fixar unha “folla de ruta unificada” antes da súa viaxe a Pittsburgh para tratar de desbloquear coa dirección de Alcoa a venda da planta de aluminio primario de San Cibrao.

Na reunión participaron a ministra de Industria, Reyes Maroto; o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde; representantes do comité de empresa e dos sindicatos Comisións Obreiras, CIG e UXT.

O encontro serviu, segundo explicou o comité de empresa, para “unificar” criterios antes desa viaxe que ten previsto realizar Reyes Maroto á sede central da multinacional nos Estados Unidos.

De feito, segundo Zan, nesa "folla de ruta" deben establecerse uns "fitos" e uns "tempos claros" que teñen que servir para desbloquear a negociación.

"Se non temos eses fitos, eses tempos claros e esa saída, acabaremos tendo un problema o día 19 de xullo", cando finaliza o prazo que se deron Alcoa e o comité de empresa para manter a paz social mentres se desenvolvían as negociacións para a venda da planta.

"Temos que unificar as posturas. A Sepi para nós é a garantía para saír disto. Se imos cambiar esa garantía, temos que ter claro, entre todos, que imos pór a cambio", engadiu.

En todo caso, insistiu en que "os traballadores teñen que ter unha garantía", porque "os compradores están aí", hai dúas empresas ás que xa lles valen” as condicións xerais establecidas por Alcoa e "outras dúas que teñen que negociar algo máis". "Necesitamos esa garantía, non nos podemos tirar ao baleiro", concluíu. 

Comentarios