O comité de Alcoa solicita unha reunión con Núñez Feijóo en San Cibrao

Consideran que a solución ás súas demandas "só pode vir das institucións"
Vista de la planta de Alcoa en San Cibrao. AEP
photo_camera Vista da planta de Alcoa en San Cibrao. AEP

O comité de empresa de Alcoa solicitou este venres unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para transmitirlle de primeira man as súas preocupacións e pedirlle a intervención da Administración autonómica na crise que está a atravesar a planta de Aluminio, así como información sobre as xestións que realizaron. "De ser posible, gustaríanos que se celebrase en San Cibrao por ser o foco do problema", explican.

Os representantes dos traballadores entenden que a solución ás demandas da industria electrointensiva "só pode vir das institucións, pois son as que articulan o sistema tarifario da enerxía".

Ante a actual situación política a nivel nacional, cun goberno en funcións, o comité sancibrense considera "necesario" que a Xunta "interveña activamente para asegurar a viabilidade e futuro desta industria, realizando todas as xestións posibles para a consecución, canto antes, dun sistema tarifario estable".

Comentarios