O comité de Alcoa en San Cibrao pide unha reunión con Feijóo

Apela a unha "intervención activa" da Administración autonómica para asegurar a viabilidade e o futuro da industria
Instalaciones de Alcoa en A Mariña
photo_camera Instalacións de Alcoa na Mariña. ARQUIVO

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao solicitou unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para "transmitirlle de primeira man" as preocupacións dos traballadores da planta mariñá. Desde o comité precisan que ese encontro, "se é posible", debería celebrarse na factoría, "por ser o foco do problema".

Os representantes dos traballadores piden así a "intervención activa" da Administración autonómica para asegurar a viabilidade e o futuro da industria, "realizando todas as xestións posibles para a consecución no menor tempo posible dun sistema tarifario estable e un prezo competitivo para a enerxía". Segundo o comité cervense, iso permitiría á factoría "situarse en pé de igualdade cos demais países da Unión Europea" e "seguir xerando emprego e riqueza no país".

Os sindicatos de Alcoa lamentan, nese sentido, a situación política do Estado, "cun Goberno en funcións que —din— non parece ter capacidade para dar solución ao problema raíz". "Isto achéganos máis ao abismo, pois afasta a data dunha solución que se manifesta urxente", precisan. Nese punto, piden á Xunta a súa "intervención neste asunto" e que "informe as xestións xa realizadas" ata o momento.

Comentarios