O comité de Alcoa fará máis mobilizacións para esixir a rebaixa do prezo eléctrico

"Debemos facer máis visible o problema que temos", di o presidente do colectivo sindical
José Antonio Zan, durante una protesta. AMA
photo_camera José Antonio Zan, durante unha protesta. AMA

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao ten a intención de convocar novas mobilizacións para seguir visibilizando o seu problema e a falta, polo momento, de solucións, xa que aínda non se coñece a data concreta para a aprobación do estatuto do consumidor electrointensivo por parte do Goberno central e o que puideron coñecer dese documento na reunión de Lugo non supón a rebaixa que esperaban no prezo da electricidade.

"Non podemos parar, debemos facer máis visible o problema que temos e facer entender a todo o mundo que temos un problema moito máis grave que calquera outra empresa electrointensiva, porque se non hai un prezo estable é moi difícil sobrevivir", di o presidente do comité, José Antonio Zan.

Os representantes sindicais poderían perfilar ao longo desta semana as novas accións de protesta, para o que se reunirán na comisión permanente previa á convocatoria dun pleno do comité no que decidirán as mobilizacións a realizar e a súa data, así como a posibilidade de convocar a asemblea de traballadores aprazada despois de que os primeiros consellos de ministros non aprobasen o ansiado estatuto.

Comentarios