O comité de Alcoa di que os posibles compradores "están escépticos" co proceso de venda

Zan subliña que é necesario que as empresas continúen co proceso e que o Goberno lles garanta un marco enerxético "co cal poidan competir"

Vista aérea de la planta de Alcoa. JM ÁLVEZ (AEP)
photo_camera Vista aérea da planta de Alcoa. JOSÉ Mª ÁLVEZ (AEP)

O presidente do comité de empresa da planta de Alcoa en San Cibrao, José Antonio Zan, advertiu este xoves de que os interesados en comprar a factoría "están escépticos" co proceso de venda. "Se agora mesmo paralizan a venda e non se volve abrir ata xaneiro de 2023 dunha forma distinta a este momento, eles case seguro que darían a espantada", afirmou. 

Por iso, reivindicou que "se necesita que as empresas continúen co proceso de venda e que o Goberno lles garanta un marco enerxético co cal poidan competir". 

Zan constatou que polo momento "os que fixeron unha oferta non vinculante son catro compradores; a partir de agora terían que ser as ofertas máis serias". "Serían eses catro os que entrarían na operación". 

En relación ao Executivo central, o sindicalista subliñou que están "a esperar a que o Ministerio de Industria entregue ese borrador para empezar a traballar sobre a nosa folla de ruta". "O que temos claro é que o Goberno ao sacar a Sepi ten que buscar unha solución que nos sirva a todos", demandou. 

Os traballadores de Alcoa seguen reclamando "garantías de continuidade e de futuro". "Seguimos recordando a ambos os gobernos (central e Xunta) que ambos prometeron que ían solucionar o problema sen que houbese perda de postos de traballo, nin caída da produción", insistiu. 

En definitiva, no comité de prensa antepoñen esas "garantías" porque, aclaran, "aquí non se trata de dar garantías a Alcoa, senón aos traballadores". "Que a Alcoa teñen que darlles garantías, iso é cuestión do Goberno que negocia coa empresa e non de nós", remarcou.

Finalmente, e ante unha posible sanción do Goberno polo CO2, que podería ascender a 34 millóns de euros a reclamación á multinacional americana, Zan afirmou descoñecer "se é así ou non". 

Con todo, manifestou que "se se pecha a fábrica, as subvencións que mantiveron os postos de traballo e o emprego durante tres anos terían que ser devoltas". 

Comentarios