O comité de Alcoa non descarta protestar ante o Congreso para urxir a intervención

Rego pide a comparecencia de Maroto para que explique "as actuacións do Goberno do Estado" ► O comité de Alu Ibérica na Coruña urxe medidas contra Alcoa como "causante" da situación "crítica" da planta
Protesta de los trabajadores de Alcoa. JOSÉ Mª ÁLVEZ (AEP)
photo_camera Protesta dos traballadores de Alcoa. JOSÉ Mª ÁLVEZ (AEP)

O comité de empresa da factoría de Alcoa San Cibrao, en Cervo, non descarta levar as súas protestas diante do Congreso dos Deputados, en Madrid, para urxir a intervención da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI).

Pero o seguinte paso, tras a concentración do domingo a Subdelegación do Goberno en Lugo que reuniu a unhas 3.000 mil persoas –segundo cálculos dos traballadores–, é envorcarse na manifestación que xa está convocada para o domingo 17 en Viveiro. 

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, recoñeceu que están "moi satisfeitos" pola concorrencia á protesta deste domingo e animou aos veciños da comarca a que acudan, precisamente, á que está programada para o próximo. 

"É unha manifestación convocada polos sindicatos, polo que queremos invitar a toda A Mariña lucense a que veña a apoiarnos, porque necesitamos agora máis que nunca o apoio, porque se a SEPI entra nesa operación ao día seguinte poderiamos ter o comezo da venda", explicou. 

En canto a levar as protestas a Madrid, diante do Congreso, Zan puntualizou que se están "barallando varios temas", polo que van "aos poucos". "Para ir a Madrid hai que ter moita xente e que sexa un éxito, e iso non se fai dun día para outro", subliñou. 

En calquera caso, deixa aberta esa posibilidade: "A estas alturas non descartamos nada". "Primeiro debemos ser comedidos e moi austeros en todo o que fagamos, porque tan importante é facer as cousas ben como non facer moito e que piquemos", advirte. 

Zan finalmente acredita que seguen "sen noticias do Goberno, nin de Alcoa, e coa necesidade dunha vez por todas de que dean ese paso de valentía de meter á SEPI na operación". 

Rego pide a comparecencia da ministra de Industria no Congreso sobre Alcoa

O deputado do BNG Néstor Rego rexistrou a solicitude de comparecencia da ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, para que explique no Congreso "as actuacións do Goberno do Estado" para garantir o futuro da planta de Alcoa na Mariña lucense.

Rego, acompañado por outros responsables do BNG, mantivo unha reunión co comité de empresa para informar á representación dos traballadores das novas iniciativas do partido nacionalista en relación con Alcoa, ademais de trasladarlle o seu apoio a unha intervención pública de fábrica, "aínda que sexa temporal, para salvagardar a totalidade dos postos de traballo".

Durante ese encontro, explicou que acaba de solicitar a comparecencia da ministra en Comisión para que "explique en que punto están as negociacións e a postura do Goberno", para que lle dea "unha resposta rotunda ao comité de empresa de Alcoa e ao conxunto da cidadanía da Mariña".

"O BNG ten claro que a solución de Alcoa pasa pola intervención pública da planta, aínda que sexa unha intervención pública temporal", dixo Rego, polo que o partido nacionalista "non entende a actitude do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo", ao "rexeitar nos últimos tempos a posibilidade de que fose adquirida temporalmente pola SEPI".

Segundo Rego, ese paso é necesario, porque logo "a fábrica podería pasar a mans dun operador industrial" cun "proxecto serio, solvente e de futuro para a fábrica de aluminio".

De feito, insistiu en que calquera "proxecto para comprar a fábrica" ten que "garantir a continuidade dos postos de traballo e, polo tanto, da actividade na Mariña".

Por iso, anunciou que o BNG seguirá traballando para esixir ás administracións públicas con competencias que "actúen de xeito decidido", tanto ao Goberno como á Xunta de Galicia, "que non pode porse de perfil" ante "un problema tan grave".

O comité de Alu Ibérica na Coruña urxe medidas contra Alcoa como "causante" da situación "crítica" da planta 

Pola súa banda, o comité de empresa da planta de Alu Ibérica na Coruña reclamou a adopción de medidas cautelares contra Alcoa como "causante" da situación "crítica" da planta. Entre elas, expón "como mínimo" as que "leven a intervención das súas contas". 

"Xa que queda de manifesto que foi esta multinacional a causante da situación crítica que na actualidade atravesan as empresas e é quen debe responder ante iso", asegura en referencia á sentenza da Audiencia Nacional e tanto á situación da planta coruñesa como a de Avilés. 

Nun comunicado, sostén que o comité "non vai permitir" que a multinacional trate de eludir "a súa responsabilidade e culpabilidade". Ao fío diso, fai referencia aos informes policiais e tamén á sentenza da Audiencia Nacional

Dela, argumenta que "deixa claro que Alcoa é, como mínimo, o autor intelectual do enorme engano no ERE e posterior venda das plantas de Avilés e A Coruña, cualificando de em <>venda aparente todo aquel proceso". 

Por outra banda, insiste en que os traballadores "nunca" apoiaron a venda "e menos aos posibles investidores" e asegura que por parte de Alcoa tívose coñecemento "de todos os incumprimentos e a ilegalidade da reventa das empresas de xeito directo mediante escritos da representación dos traballadores", indica facendo referencia aos remitidos ao presidente de Alcoa en España e ao CEO de Alcoa. 

"Temos claro que foi e é a parte necesaria e imprescindible para que se puideron levar a cabo os presuntos delitos que están a ser investigados na Audiencia Nacional no ámbito penal", apunta o comité, facendo referencia tamén aos informes policiais a este respecto.

Comentarios