
Os traballadores sairán da fábrica ás dez e cuarto da noite coas súas roupas de faena e luces para dirixirse ao centro da localidade, onde ás once atoparanse cos veciños no parque Reina Sofía. Acabará na Praza dos Campos
O comité de empresa de Alcoa convoca unha marcha nocturna para este sábado 20 en San Cibrao na que pide a todos os participantes que leven algún tipo de luz.
A andaina sairá ás dez e cuarto da noite desde a fábrica cos traballadores levando as súas roupas de faena e dirixirase cara ao núcleo da localidade sancibrense, onde ás once será o encontro cos veciños que desexen sumarse no parque Reina Sofía e terminará na Praza dos Campos.
Esta é a primeira mobilización que convoca publicamente o comité despois de que a dirección de Alcoa comunicase a súa intención de iniciar o vindeiro xoves 25 a negociación do Ere, que afectará a 534 traballadores da planta de Aluminio e a uns 400 de doce empresas auxiliares.