sábado. 27.11.2021 |
El tiempo
sábado. 27.11.2021
El tiempo

O comité de Alcoa cifra en 20.000 toneladas o aluminio acumulado na planta

José Antonio Zan. J.Mª ALVEZ (AEP)
José Antonio Zan. J.Mª ALVEZ (AEP)
José Antonio Zan recoñeceu que neste momento "oficialmente" non hai comunicación nin co Goberno nin coa empresa

Logo das mobilizacións que este mércores se produciron nas instalacións de Alcoa San Cibrao, coincidindo coa reunión do Tribunal Supremo para avaliar o recurso contra a anulación do Ere na fábrica de aluminio primario, a folga indefinida continúa no complexo industrial, onde xa se acumulan, segundo o comité de empresa, unhas "20.000 toneladas de aluminio".

O comité espera unha resolución favorable por parte do Tribunal Supremo, á vez que mantén "as gardas" no complexo industrial para que se cumpra a folga indefinida que comezou o pasado día 27 e que non afecta o funcionamento das cubas, pero si á saída de aluminio da fábrica mariñá.

Ver máis: Xornada de protestas dos traballadores de Alcoa á espera do fallo do Supremo

Segundo o presidente do comité, José Antonio Zan, neste momento hai acumuladas "unhas 20.000 toneladas" de aluminio nas instalacións de San Cibrao, cun valor de mercado que oscila entre "3.600 e 4.100 euros por tonelada".

En canto ao futuro inmediato, insistiu en que os traballadores non están só á espera de que "todo salga ben" no Tribunal Supremo, senón tamén de que o Goberno "faga o seu traballo" e tome "as medidas" necesarias para garantir a produción e os postos de traballo.

"Non temos explicación para o que está a facer", lamentou Zan, quen recoñeceu que neste momento "oficialmente" non hai comunicación nin co Goberno nin coa empresa, nin tampouco foi convocada ningunha reunión para tratar de avanzar no proceso de venda da factoría.

Nese sentido, insiste en que "non hai máis saída" que unha intervención pública temporal da fábrica para a súa posterior venda a un comprador industrial, polo menos "se o Goberno realmente quere manter a produción de aluminio primario en España". 

O comité de Alcoa cifra en 20.000 toneladas o aluminio acumulado na...
comentarios