O Comité de Alcoa en Cervo non permitirá despedimentos na planta

Anuncian que todos os desprazados da Coruña e Avilés serán benvidos, pero non á conta de que "se vaia á rúa persoal eventual"

Planta de Alcoa en Cervo.AEP
photo_camera Planta de Alcoa en Cervo.AEP

O presidente do comité de empresa da fábrica que Alcoa ten en Cervo, Xosé Paleo, asegurou que os representantes dos traballadores deste centro en ningún caso van permitir despedimentos na factoría de San Cibrao para recolocar a persoal de Avilés e A Coruña.

En relación ao preacordo asinado polos traballadores de Avilés e A Coruña con Alcoa, Paleo asegurou que o comité de empresa de San Cibrao nunca se oporá á contratación de máis traballadores na fábrica de Cervo, pero non á conta de que se vaia á rúa o persoal eventual da Mariña que agora mesmo presta servizo nesa factoría.

"Canta máis xente haxa aquí, mellor. Hai traballo para eles. Pero ten que ser a maiores, non a costa do despedimento da xente que traballa aquí", insistiu Paleo, quen volveu aclarar que o comité de Cervo está totalmente en contra de que se intente "exportar o ERE" á fábrica de San Cibrao.

De feito, con respecto a ese acordo, subliñou que para o comité de empresa de Cervo "non existe", porque os seus representantes non foron invitados a participar nas negociacións.

"Non imos permitir que se despida a persoal de aquí para traer a xente de fóra", resolveu. 

Comentarios