O comité de Alcoa anuncia protestas en breve "ante a gravidade da situación"

Non cre que o Goberno poida cumprir o compromiso de ter aprobado o estatuto enerxético este verán

Marcha de trabajadores de Alcoa en Burela. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Marcha de traballadores de Alcoa en Burela. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O comité de Alcoa en San Cibrao convocará "en breve" novas mobilizacións "ante a gravidade da situación" pola falta de concreción do novo escenario enerxético que afecta á industria aluminera e en concreto ao centro mariñán, onde a planta de aluminio continúa en números vermellos e a empresa dixo que se continúan as condicións actuais será "inviable" a produción.

Os representantes dos traballadores mariñáns toman esta decisión logo dunha reunión co director xeral de Industria, Galo Gutiérrez, na que "o ministerio non despexou o futuro de San Cibrao". Explican que o obxectivo do encontro era "trasladar de primeira man a situación do centro de San Cibrao se o Goberno non garante a curto prazo unha solución ao problema do elevado custo da enerxía" pero a impresión foi "negativa". O comité non se cre que o estatuto estará aprobado este verán "e máis se temos en conta que tanto o Goberno de Madrid como o de Bruxelas están en funcións", din.

Trasladan que desde o ministerio insistiron na súa intención de cumprir o prazo de seis meses dado no principio do ano para aprobar o estatuto e que a próxima semana o secretario de Industria irá a Bruxelas para consultar coa Comisión Europea a validez do texto definitivo, "que contempla algunha das alegacións presentadas".

Industria recordoulles que está aprobada a compensación de 91 millóns e que hai vontade de ampliala ao máximo de 200, "incluíndoa no estatuto", pero non aclarou se se contemplaba a figura do consumidor electrointensivo e non recolle as exencións fiscais necesarias para compensar a rebaixa da interrumpibilidade, "só contemplan a de renovables". Si expoñen que as empresas poidan ter contratos bilaterais coas distribuidoras para obter mellores e estables prezos.

O comité preguntou pola redución dos bloques na poxa de interrumpibilidad e insistiu en que "de pouco servirá que se saque un estatuto cando as tres fábricas de produción de aluminio primario estean totalmente pechadas".

Os sindicalistas tamén solicitaron que o estatuto recolla compromisos de investimentos e plans de futuro para as empresas que se acollan e entregou un informe detallado coas actuacións que ven necesarias "para garantir o futuro dous postos de traballo nas dúas plantas de San Cibrao".

COMISIÓNS. A sección sindical de CC.OO. tamén emitiu un comunicado para informar da reunión. Sobre o estatuto din que traballa en incluír o importe máximo por compensacións de CO2 que permita a UE cada ano, "este son 200 pero se prevé que se incremente nos próximos"; a exención do imposto de renovables, que a Comisións lle parece "insuficiente" polo que pide tamén exencións nos impostos de transporte e xeración, "o que si daría unha garantía e estabilidade ao sistema"; e a lexislación sobre os acordos bilaterais entre empresa consumidora e produtora de enerxía.

CC.OO. reseña que insistiron na necesidade dun plan de viabilidade que leve asociadas investimentos e o mantemento dos empregos, e pediron que todo o relativo a este asunto se manexase desde o Ministerio de Industria, "xa que non serve de nada o estatuto se o que achega o resta o Ministerio de Transición Ecolóxica na poxa de interrumpibilidade".

Os sindicalistas urxiron a Industria a sacar o estatuto "nun prazo curto xa que os compañeiros da Coruña e Avilés non poden esperar máis" e propuxeron ao Goberno "que entre como accionista minoritario durante un prazo curto, seis meses, para que o comprador tivese a certidumbre de que o compromiso do Goberno na solución ao problema enerxético é firme". Apuntan que a diferenza entre o prezo do MW entre os interesados en comprar as plantas e o ministerio "é moi afastada aínda" pero sosteñen que ao cabo dese tempo e cun sistema estable "o comprador adquiriría as accións ao Estado".

Comentarios