O comité de Alcoa e alcaldes da Mariña acordan novas mobilizacións en defensa do emprego

As concentracións comezarán o día 9 en Xove, baixo a lema 'Peches non: Enerxía Solución - Por un futuro para A Mariña'

Movilización de trabajadores de Alcoa, el pasado viernes. D.V.
photo_camera Mobilización de hai uns días de traballadores de Alcoa. D.V.

O comité de empresa da factoría que a multinacional Alcoa ten no municipio lucense de Cervo informou de que na reunión que mantiveron este mércores os seus representantes con alcaldes da comarca da Mariña acordouse o inicio dun novo calendario de mobilizacións en defensa dos postos de traballo da planta, na que traballan unhas mil persoas. A primeira será o día 9 na Praza do Concello de Xove, e a ela están chamados "todos os veciños da Mariña".

Ese calendario de mobilizacións incluirá concentracións en varios municipios mariñáns baixo a lema Peches non: Enerxía Solución - Por un futuro para A Mariña. Coa iniciativa, aspiran a implicar "a cidadanía na defensa do motor económico da comarca nos últimos corenta anos".

Os actos realizaranse en mércores alternos, cada quince días, de 20.30 horas a 21.00. Na reunión tamén se acordou solicitar ao comercio e aos negocios do municipio no que se realice a concentración que pechen durante esa media hora en apoio aos traballadores de Alcoa.

Este venres tamén haberá unha concentración de traballadores na porta de entrada da factoría, de 14.00 a 14.30 horas.

Comentarios