A comarca da Mariña cítase coa gastronomía no mes de outubro

Os días 4, 5 e 6 do próximo mes celebrarase a 29ª Festa da Faba de Lourenzá, mentres que o día 12 será a quenda da 32ª edición da Feira do Mel na localidade do Valadouro
Una edición de la Feira do Mel de O Valadouro. AMA
photo_camera Unha edición da Feira do Mel do Valadouro. AMA

A gastronomía encherá a comarca da Mariña lucense en outubro. Os tradicionais eventos dedicados ao mel -O Valadouro- e as fabas -Lourenzá- marcarán a axenda culinaria durante as primeiras semanas.

Feira do Mel no Valadouro

Na rúa Andrés López Palmeiro do Valadouro terá lugar o próximo día 12 a trixésimo segunda edición da Feira do Mel. Haberá numerosos postos de artesanía e mel procedentes da localidade, aínda que este ano está previsto que asistan tamén de fóra do municipio.

Os artesáns de produtos de tempada -como pode ser o mel, as castañas ou as hortalizas- que queiran participar no evento, teñen de prazo ata o 4 de outubro para porse en contacto co Concello de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 de luns a venres.

A feira, organizada polo Concello, contará con múltiples actividades ao longo do día. O pistoletazo de saída será ás 10.00 horas cunha serie de showcookings, que consiste en diferentes demostracións de receitas de cociña para o público. Unha hora máis tarde os asistentes poderán degustar castañas asadas de xeito gratuíto, xa que haberá un espazo onde se repartirán dunha locomotora.

Cando chegue o mediodía a asociación cultural Amador Lar fará un pasarrúas polo medio do mercado e, con el, iniciarase a ruta de tapeo polos establecementos de hostalería da localidade. Nesta edición, os locais ofertarán dúas tapas que teñan como base elementos de tempada, sen custo ningún. Despois, haberá un sorteo cun lote de produtos doados polos postos da feira.

Os nenos tamén terán un papel importante na xornada. Haberá unha conferencia denominada O doce mundo do mel dirixida a este colectivo e organizada pola Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. Ademais, a partir das 15.30 horas haberá un taller de pintacaras, globoflexia e inchables. A relevancia dos máis pequenos demóstrase no deseño da base do cartel da feira, realizada por alumnos do Ceip Santa María de Valadouro.

O peche da xornada marcarao a tradicional degustación de freixoós con mel, ademais do segundo sorteo con produtos dos expositores. Despois, haberá unha segunda ruta de tapeo polos locais, que nesta ocasión contará coa música do grupo Festicultores Troupe.

Festa da Faba en Lourenzá

A Festa da Faba en Lourenzá prolongarase durante o 4, 5 e 6 de outubro para conmemorar a vixésimo novena edición do evento. Haberá unha gran cantidade de actividades durante estes tres días.

As xornadas gastronómicas contarán coa actuación do grupo Astarot o 5 de outubro, onde interpretarán temas moi recoñecidos de música galega como Sementeira, Meu amor é mariñeiro, Lela ou O tren.

Comentarios