Un colectivo veciñal pide a cesión do mosteiro de Lourenzá por 75 anos

A asociación Patrimonio Laurentino preséntase o domingo e quere que se restaure o edificio, sobre todo para unha residencia de anciáns, pero tamén para outras actividades
2020082717323175431
photo_camera Mosteiro de San Salvador. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Un grupo de veciños de Vilanova de Lourenzá residentes tanto no propio concello como noutros crearon a asociación Patrimonio Laurentino, un colectivo co que tratarán de recuperar precisamente isto, o patrimonio do seu territorio. A súa primeira idea é ambiciosa: van propor ao Obispado de Mondoñedo-Ferrol a cesión do mosteiro de San Salvador, agora sen uso e en ruínas, por un período de 75 anos.

O proxecto, que deixan moi claro que é completamente apolítico, pasa por buscar eles mesmos subvencións coas que poder traballar e financiar a rehabilitación do edificio. Para o inmoble a súa idea fundamental é moi ambiciosa e necesitarase implicación das administracións. Pretenden construír alí unha residencia de anciáns.

Explican que para eles é moi importante "porque hoxe en día a xente maior ten que marchar do pobo porque non hai onde quedar, por iso trátase de que ese sexa ou noso proxecto principal, porque o retorno social que ten é fundamental". Queren que sexa unha residencia pública.

Indican que van tramitar esa cesión coa diocese e que no dossier que van presentar, á marxe de expor o seu proxecto para a rehabilitación do edificio e a construción da residencia de maiores, tamén exporán outras ideas que barallan.

Como se trata dun edificio moi amplo, van tratar de que haxa espazos nos que poder desenvolver distinto tipo de actividades de diversa índole.

Din que agora mesmo é moi necesario porque non existe en Vilanova un lugar que estea habilitado, por exemplo, para acceso de persoas con algunha discapacidade física e consideran "moi estraño que pase isto. Alí hai cerco dabondo. Se é posible corrixilo, pois pensamos que é unha boa ocasión porque o lugar é excelente". Á marxe destes proxectos tamén se expoñen a posibilidade de que o lugar poida chegar a converterse nun espazo rendible con outra clase de aproveitamento noutras zonas.

A Asociación Patrimonio Laurentino emprenderá tamén a recuperación doutro tipo de patrimonio, como varios muíños que existen na parroquia de San Adriano, aínda que saben que non será fácil porque algúns se atopan en leiras privadas.

A nova asociación é de carácter autonómico e o domingo presentarase publicamente con ocasión da celebración do Conde Santo.

Máis en A Mariña
Comentarios