Coleccionistas de coroas

O Pescados Rubén FSF suma os últimos seis títulos en xogo, tanto a nivel nacional como autonómico
undefined
photo_camera Celebración tras a Copa de España 2019-2020, conseguida o domingo en Málaga. PRBFS

Desde a Copa da Raíña 2018-19, gañada no pavillón Vista Alegre nunha final estratosférica ante o Futsi Atlético de Madrid, o Pescados Rubén Burela FSF conquistou todos os títulos en xogo, tanto a nivel nacional como autonómico.

A escuadra que comanda Julio Delgado converteuse nunha coleccionista de coroas, sumando de forma consecutiva a Supercopa 2019-20, Recopa (oficiosa) 2019-20, Liga española 2019-20 e Copa da Raíña 2019-20. A guinda chegou o domingo, no pavillón Martín Carpena, que xa é todo un talismán para as Guerreiras Laranxas, coa consecución da segunda Copa da Raíña consecutiva nunha agónica e traballada final ante o Poio Pescamar, grazas a un gol de Elena Aragón, de dobre penalti.

A tempada 2019-20 será recordada no seo do Pescados Rubén Burela FS como o do segundo dobrete, Liga e Copa, á espera de poder conquistar aínda a Supercopa e a Copa Galicia, cuxas finais terán lugar en 2020.

A primeira vez que o club laranxa conseguiu impoñerse nas dúas grandes competicións nacionais foi na campaña 2012-13. En canto a Copas da Raíña, a gañada en Málaga é a terceira logo da conseguida en Bilbao, na tempada 2012-13 e da conquistada no pavillón Vista Alegre, ante o Futsi Atlético, na campaña 2018-19.

Comentarios