Colares intelixentes para detectar ataques do lobo a cabalos en Viveiro

Innogando colocou estes dispositivos dentro dun proxecto de investigación de Tragsa
Caballo con el dispositivo en Viveiro. INNOGANDO
photo_camera Cabalo co dispositivo en Viveiro. INNOGANDO

A empresa Innogando colocou a medio centenar de cabalos da comunidade de montes de Boimente en Viveiro os seus colares de xeolocalización Rumi dentro dun proxecto de investigación —aínda en fase moi inicial— que leva a cabo a firma pública Tragsa para a detección dos ataques de lobo no gando equino en extensivo. Son 15 poldros e 35 nais as que levan estes dispositivos que permiten a súa localización con GPS e informan das súas actividades en tempo real.

Os colares permiten detectar cambios no comportamento dos animais de forma inmediata, segundo explica o cofundador de Innogando Daniel Pardo Rus. "O noso colar o que fai é dar en tempo real as actividades dos animais —pastar, descansar, camiñar e correr— e imos intentar ver a variación no seu comportamento cando se produce un ataque", detalla o técnico, quen precisa que poden saber, por exemplo, se de súpeto os cabalos se moven con brusquedade ou se cambian de actividade continuamente. "Iso é que o rabaño está alterado e algo lle pasa", di. Cando hai un episodio así tanto a comunidade de montes como Tragsa reciben un aviso na súa aplicación móbil.

Cabalo co dispositivo en Viveiro e colocación do colar a unha cachena en Vilapedre.
Colocación do colar a unha cachena en Vilapedre. INNOGANDO

Rus avanza que a seguinte fase do proxecto consiste en desenvolver algún sistema que actúe cando se detectan eses cambios de comportamento, "como poden ser sistemas para escorrentar o lobo por ultrasón".

O colar, engade o técnico, ten unha placa solar que evita ter que cambiarlle a batería e ademais permite "detectar enfermidades nos animais, así como posibles celos e partos", o que tamén facilita a vida dos gandeiros, que así poden saber como se atopan os equinos que teñen soltos polo monte. Neste sentido destaca a colaboración dos alcaldes da Mariña, que "están a apostar polo sector, cubrindo os montes de antenas para dotar de cobertura zonas complicadas e que os gandeiros teñan facilidade de acceso á tecnoloxía para ter controlado o gando tanto o cabalar como o vacún", di.

Neste proxecto de investigación tamén se colocaron colares a vacas das mesmas serras do Xistral, neste caso en cachenas de Vilapedre (Vilalba).

UN PROBLEMA. A comunidade de Boimente conta cuns 250 cabalos nos seus montes e un dos seus maiores problemas é o lobo, que ataca sobre todo o elo máis débil, as crías, e impide sacar adiante a todos os poldros que nacen, con outro inconveniente engadido, que é que se non hai restos do animal non poden xustificar a súa perda para obter as axudas.

"Non pode ser que nos falten sobre un 40% dos poldros que nacen, e enriba se unha besta pare de noite e o lobo leva o poldro quedas sen el e non podes xustificar o dano. Non estamos aquí para divertir o lobo", lamenta un comuneiro, que asegura que o depredador "ten que existir, pero agora está descontrolado e non é normal que mate en Celeiro ao lado das casas ou en Landrove ao pé da igrexa".

Comentarios