Cociñeiros de peixe, no interior

A OPP do Porto de Burela apoia a dous chefs de Sober e Chantada como os mellores polas súas receitas de pescada e sargo ao forno
Mantilla, que cociñou pescada de Burela con castañas e cogomelos, e Lorenzo, co seu prato de sargo á brasa con refrito de moluscos. EP
photo_camera Mantilla, que cociñou pescada de Burela con castañas e cogomelos, e Lorenzo, co seu prato de sargo á brasa con refrito de moluscos. EP

A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela decidiu apoiar as candidaturas dos chefs Toño Lorenzo e Martín Mantilla nos galardóns como mellor Cociñeiro Galego 2022. Os dous pertencen á Asociación Cociñeiros Lugo e son habituais colaboradores da OPP-7 con receitas de produtos frescos da lonxa de Burela, dentro das diferentes accións que se realizan en colaboración con Armadores de Burela e co cofinanciamento da Xunta de Galicia e da FEMP, segundo informou a organización burelesa.

O premio Cociñeiro Galego 2022 Galicia Fórum Gastronómico recoñece o labor dos cociñeiros emerxentes que utilizan produto de proximidade, teñen sensibilidade con producións ecolóxicas; colaboran conxuntamente con produtores locais e fan difusión deste tipo de valores. Dous dos cinco profesionais nomeados este ano a mellor chef galego pertencen a esta asociación: Martín Mantilla, do Restaurante Berso (Sober), e Toño Lorenzo, do Restaurante A Faragulla (Chantada).

A última receita que Martín Mantilla cociñou para a colección A Cociña do Mar do porto de Burela foi unha Pescada do pincho de Burela con castañas e cogomelos, destacando as propiedades do produto estrela da lonxa de Burela.

Pola súa banda, Toño Lorenzo preparou un Sargo á brasa con refrito de moluscos, destacando neste caso a gran variedade de produtos pesqueiros que se descargan cada día no porto de Burela, con 116 diferentes especies comercializadas en lonxa, sinala a OPP-7.

O período de votación está aberto na web do Galicia Fórum Gastronómico ata o día 18 e sortearase unha comida para dúas persoas en cada un dos restaurantes nomeados. O gañador ou gañadora do concurso elixirase sumando estas votacións do público na web e o voto do xurado profesional.

Promoción en Bremen

Por outra banda, a Consellería de Mar informou da participación na feira bienal Fish International de Bremen (Alemaña) para promocionar os produtos pesqueiros galegos. Alí están a conselleira, Rosa Quintana, e o director xeral de Pesca, Antonio Basanta, con nove empresas coexpositoras: Conxelados Noribérica, Copemar, Grupo Ibérica de Conxelados, Conxelados Videmar, Marfrío, Frioantartic, Grupo Profand, Pasteurizados Cíes e Fandicosta.

Este ano acudirán a 12 feiras nacionais e internacionais das que faltan a de Singapur, Expomar Mindelo (Cabo Verde), Sial (Francia) e outras citas galegas como o Fórum Gastronómico da Coruña, Conxemar en Vigo e Xantar en Ourense.

Comentarios