Cine feito na Mariña

Caolipe producíu a película 'Medos' con actores de distintos concellos da comarca central ► A cinta vai ser presentada a partires de agora a diversos certames cinematográficos
Un fotograma de 'Medos'. EP
photo_camera Un fotograma de 'Medos'. EP

A produción cinematográfica viu nos últimos anos como os avances tecnolóxicos foron democratizando as posibilidades de achegarse a ela e por iso van saíndo cada vez máis talentos de moi diversas procedencias. E dende logo da Mariña tamén.

Recentemente rematouse unha película titulada Medos impulsada pola produtora Caolipe na que todos os actores que interveñen pertencen a diferentes concellos dos que compoñen a comarca da Mariña Central.

Na película analízanse con estéticas diversas distintas cousas que asustan ao ser humano ao longo da súa existencia, tanto de neno como de adulto.

Os papeis principais foron interpretados por Aketza Javier Fraga que é un rapaz de só seis anos da parroquia de Lagoa, de Alfoz. Tamén participou Antonio Jesús Lorenzo, máis coñecido por Cachín, tamén veciño de Alfoz mais da parroquia de Mor e que é membro dos grupos de teatro O Centiño, o grupo humorístico Trípode e Os Pícaros de Lagoa. Outro dos actores foi Paco Piñeiro, director de diversos grupos de teatro da Mariña e actor do grupo O Bordelo de Cervo.

Tamén inverviron actores do grupo A Pomba do Arco de Foz como Tono, Paz Quiroga e Olaia Otero, as actrices Lorena Pérez Veiga do grupo teatral O Centiño, Fina Díaz Díaz de Foz e Ramira Pérez do Valadouro.

Un fotograma de 'Medos'. EP

PASE PRIVADO. O pasado sábado, día 4, nun pase privado, todos os participantes puideron ver o filme no Instituto Alfoz-Valadouro, que colaborou na realización do mesmo.

A película foi rodada no verán pasado en diversos lugares de Foz e Cervo. A partires de agora, Medos arranca a súa andaina máis en serio, porque a súa produtora vai presentar a cinta a diversos certames cinematográficos.

Deste xeito, os actores mariñáns poderán ver como o seu traballo é recoñecido e, sobre todo, visto por moita xente que vai poder aceder á película, unha mostra máis de que o talento non coñece fronteiras e de que tamén A Mariña pode ser unha fábrica de soños.

Máis en A Mariña
Comentarios