Choiva de nomeamentos para o Resurrection

O evento vivariense opta a once Premios Fest, entre eles o mellor festival de gran formato. Tamén compiten Galipizza e os Resukids

Resurrection Fest 2018. IRIA L.V.
photo_camera Resurrection Fest 2018. IRIA L.V.

O Resurrection suma unha marca de nomeamentos para a quinta edición dos Premios Fest ao lograr un total de once: mellor festival de gran formato -que o alzou como mellor festival desta categoría en España en 2016-, mellor campaña de comunicación, mellores actividades paralelas para a iniciativa Resukids, mellor zona de restauración para a súa Circle Meal «pola súa variedade e as diferentes dietas presentes», mellor zona de acampada -premio que levou o ano pasado-, mellor achega turística á rexión, mellor directo nacional polo concerto de Angelus Apatrida, mellor directo internacional para o recital que se marcou Prophets of Rage, mellor activación de marca para Galipizza, e dobre nomeamento para a Resurrection Fest TV nos apartados de mellor programa sobre festivais de televisión e mellor sección sobre festivais en soporte online.

A organización do festival transmite a súa alegría por estes nomeamentos e anima ao público a votar para que finalmente leven os premios, nos que xunto ao evento vivariense compiten máis de 150 festivais de todo o país. Desde onte está aberto o prazo de votacións do público, que pode facelo ata o vindeiro luns na páxina web http://premiosfest.com/votacións-publico/. Desde ese mesmo luns ao mércores 10 entrará en xogo un xurado profesional composto por xornalistas e representantes da industria da música.

Doutra banda os seguidores do Resurrection Fest continúan á espera de máis novidades sobre a próxima edición que será do 3 ao 6 de xullo e para a que xa está confirmado un das cabezas, Parkway Drive, xunto a outros catro grupos: Trivium, Testament, Kvelertak e While She Sleeps, que integrarán un cartel formado finalmente por cen bandas. As entradas están á venda na web do festival.

Máis en A Mariña
Comentarios