O Challenge Illa Pancha non será a vindeira semana

Os organizadores puxeran aa alerta amarela pero finalmente a borrasca non traerá as condicións necesarias
2020010917543467500
photo_camera Un surfeiro cabalga a onda de Illa Pancha no primeiro Challenge. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O gran acontecemento anual do surf mariñán, o Challenge Illa Pancha, parece estar xa moi preto. Así o decidiron os encargados da organización desta proba de ondas grandes que congrega desde a pasada tempada en torno ao Panchorro, nas proximidades da costa ribadense, aos mellores especialistas mundiais, ao entrar en alerta amarela para valorar a posibilidade de realizar a competición a próxima semana.

Logo de varias intensas sesións nos últimos meses aproveitando boas oportunidades, con ondas que superaron os 10 metros e moitos surfeiros de referencia, especialmente franceses, Eric Rebiere, director técnico do Illa Pancha, confirmou o cambio de alerta e a monitorización da borrasca que pode traer a próxima semana as ondas xigantes que permitan desenvolver a competición con todo o esplendor que se merece. "Aínda temos as imaxes do pasado swell nas nosas retinas, pero agora unha nova borrasca parece que traerá ondas xigantes á costa de Galicia, o que nos fai estar moi atentos", asegurou, tras entrar no compás de espera. "A día de hoxe podemos dicir que esta borrasca reúne as condicións que precisamos, pero a vindeira chamada será dentro de 4 días, que serán moi longos, pero que iremos enchendo de noticias do que vaia sucedendo", dixo Rebiere.

O gran éxito que tivo na súa primeira edición, tanto a nivel de participación como de público, animou aos organizadores a tratar de darlle continuidade e de converter esta proba en toda unha referencia mundial en ondas grandes, polo que se espera que a segunda edición aínda sexa mellor en todos os aspectos.