Llano cualifica de "éxito total" a feira de produtos ecolóxicos Produart

Miles de persoas pasaron pola nave de redes durante todo o fin de semana. Expuxéronse artigos de alimentación e artesanais

Alfredo Llano. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Alfredo Llano. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Medio centenar de expositores déronse cita na nave de redes de Burela nunha nova edición de Produart, a feira de produtos ecolóxicos e de artesanía, que é un dos maiores expoñentes de artigos naturais que se celebran na comarca e que este domingo puxo o punto final a esta edición baixo un "éxito total", segundo o alcalde, Alfredo Llano.

É unha cita cun tirón crecente debido á preocupación cada vez maior por unha alimentación saudable, como constata o elevado número de expositores. Froitas e verduras de tempada foron unha opción de compra responsable da feira, onde tamén se puideron adquirir conservas de varios tipos, carnes, embutidos, queixos, iogures, mel, marmeladas, chocolates e doces ou derivados de stevia. Moitos deses produtos eran aptos para persoas con intolerancias, e houbo tamén aceites, pemento, cervexas ou licores.

A feira completouse coa venda de produtos artesáns realizados en coiro, vidro, téxtil e con materiais reciclados, sen esquecer bixutería variada, algunha coa orixinalidade de estar realizada con cortiza ou pedra natural.

O coidado persoal e da casa foron outras alternativas importantes da cita, na que se puido adquirir desde cosmética ecolóxica a produtos para a limpeza do fogar, ao que se dedicaron varios expositores no que se podían comprar desde panos antibacterianos a robots de limpeza, pasando por camas ecolóxicas ou tixolas de fundición con recubrimiento natural.

A feira, que abriu o pasado venres, pechou este domingo pola noite ás dez, cun descanso para comer de dous da tarde a cinco e media. Foi o mesmo horario que tivo durante a xornada do sábado, na que moitas persoas pasearon pola feira, que se celebrou nas inmediacións do porto, unha contorna na que o sábado e o domingo celebrouse a Festa do Bonito, que acolleu a miles de visitantes durante todo o día.

BALANCE DO ALCALDE. O alcalde da localidade e presidente de Expomar, a entidade organizadora de Produart, mostrouse moi satisfeito por esta edición. "Fíxate se había xente que o sábado pola noite, cando o peche estaba previsto para as 22.00 horas, pechouse pasadas as once da noite", recalcou.

Llano estivo o domingo pola mañá no recinto onde se celebra Produart e viu como chegaban "tres ou catro autobuses para visitala, e ademais seguro que logo aproveitaron para probar o marmitako de bonito, que este domingo podíase degustar dentro da Feira do Bonito".

Outras das actividades que máis chamou a atención dos visitantes foron as demostracións de cantería de José Álvarez Pardo, que deixou participar ao público.

"Foi un éxito total e estamos moi contentos; eu creo que este fin de semana, entre a Feira do Bonito, Produart e o Certame Internacional de pintura mural Amarte, tivo unha repercusión moi importante para Burela", dixo Llano, que non escondeu que buscan a declaración de Interese Turístico Nacional para a Feira do Bonito.

Comentarios