Llano aposta por gobernar Burela en minoría con acordos puntuais

O BNG e Burela Sempre están pendentes do concelleiro que depende dun único voto

aaaa
photo_camera Os socialistas de Burela celebrando a vitoria na súa sede. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A presentación de sete candidaturas en Burela fixo baixar en votos ás formacións tradicionais e que o PSOE perdese a maioría absoluta que ostentou durante os últimos catro anos. A pesar de perder un concelleiro e quedar en minoría simple, o actual alcalde, Alfredo Llano, aposta por un goberno en solitario. "É algo que temos que falar, pero a miña aposta é por un goberno en solitario con acordos puntuais", dixo, "en democracia é necesario e importante negociar e quero que o vindeiro mandato sexa de consenso, ademais un goberno con nove concelleiros estaría moi sobredimensionado".

Con respecto aos resultados, Llano mostrouse satisfeito por seguir sendo a forza máis votada a pesar de todas as candidaturas que se presentaron: "Gañamos en todas as mesas e dada a particularidade de Burela, con sete forzas, estou contento porque a xente séguenos apoiando".

Neste sentido, desde o BNG que sería a forza que lle daría estabilidade aos socialistas e coa que xa gobernaron, Mario Pillado explica que son conscientes "de que a nosa situación cambia ao perder o PSOE a maioría, pero somos cautos ata saber a onde irá parar o concelleiro que depende dun voto e ata abordar a situación en asemblea", indica.

Pola súa banda, Carlos Peinó, de Burela Sempre se mostrou satisfeito de conseguir 271 votos e estar ao bordo de entrar na corporación, a expensas de que a xunta electoral valide os resultados. "É un votiño que temos esperanza de conseguir", recoñeceu e agradeceu o apoio recibido dos burelenses.

O candidato do PP, Manuel Rouco, que a pesar de conservar os catro concelleiros foi a forza que perdeu maior número de votos, declinou este luns facer valoracións ata falar cos afiliados.

Comentarios